Villares : «En dez anos vexo unha marea gobernante, máis sólida e útil para o país»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Tene unha visión moito máis optimista que Xosé Manuel Beiras sobre o futuro de En Marea

16 feb 2018 . Actualizado ás 08:09 h.

 Luís Villares ten unha visión moito máis optimista que Xosé Manuel Beiras sobre o futuro de En Marea. Polo menos iso foi o que dixo onte nos almorzos de Fórum Europa, no Hostal dous Reis Católicos de Santiago, nos que interveu para explicar o seu modelo de país e as políticas de En Marea como primeiro partido da oposición en Galicia. A unha pregunta de Xavier Vence, que quixo saber como vía a En Marea dentro de dez anos, Villares respondeulle que «vexo unha marea gobernante», tanto a nivel autonómico como municipal, cun «espazo consolidado». O portavoz do partido instrumental engadiu: «Vexo un país con futuro porque todo depende de nós», e asegurou que dentro de dez anos o proxecto de En Marea será «máis sólido e útil para o país». O cambio veo moito máis preto; no 2020, en concreto.

No seu discurso non houbo referencia algunha ás guerras internas de En Marea. Ao contrario, dixo que o proxecto de En Marea non corría perigo algún e que estaba «vigoroso» porque seguían activas «as maiorías sociais comprometidas co radicalismo democrático e o republicanismo» que xustificaron a súa creación. Máis parco foi cando se lle preguntou polas relacións con Esquerda Unida, un dos socios de En Marea. Dixo que eran «moi boas» e que el se sentía apoiado tanto polos procesos municipalistas que están en marcha para as próximas eleccións municipais como polos partidos que conforman o espazo autonómico.

O líder de En Marea foi o protagonista do almorzo informativo Tribuna Galicia, organizado por Fórum Europa, un acto no estivo acompañado por deputados de En Marea como Paula Verao, Davide Rodríguez ou Manuel Lago, e ao que acudiu tamén o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga. A presentación de Villares correu a cargo da profesora de Dereito Administrativo da USC Alba Nogueira, exmilitante do BNG e amiga persoal do maxistrado en excedencia.