A Universidade de Vigo prevé aprobar unha normativa específica para evitar o plaxio en traballos académicos

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

RAMÓN LEIRO

Santiago e A Coruña tamén contemplan consecuencias se se detecta fraude nos exames ou traballos

16 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Desde o ano 2015, cada estudante que se matricula na Universidade de Vigo debe aceptar un compromiso de honestidade académica para completar o proceso. A institución decidiu dar un paso máis no control da fraude académica, e será a través dunha normativa específica contra o plaxio.

Segundo explican desde a universidade, ata o momento non se puido desenvolver esta norma específica porque estaba pendente a aprobación dos estatutos da universidade. O claustro deulles luz verde o mes pasado e aínda está pendente a súa publicación no DOG. Con todo, si se pensou xa na elaboración dunha normativa que trate especificamente o plaxio e que proporcione á comunidade universitaria un protocolo e procedementos máis concretos contra a fraude académica.

O plan é desenvolver esa norma específica dentro dun regulamento da normativa de avaliación. Esa tarefa, con todo, terá que ser realizada por un novo equipo de goberno, xa que a Universidade de Vigo celebrará as súas eleccións ao Reitorado o próximo 23 de abril.

En todo caso, segundo explican desde a institución académica, as medidas que se desenvolverán neste regulamento seguirán a mesma liña das que xa contemplan as guías docentes de gran parte das titulacións. A consecuencia de copiar adoita ser a cualificación de cero na avaliación -cada convocatoria conta con dúas oportunidades de exame- ou na proba na que se detecte o plaxio.

As normativas de avaliación das universidades de Santiago e A Coruña tamén contemplan consecuencias se se detecta fraude nos exames ou traballos, como son o suspenso e a posibilidade de que se abra un expediente á persoa infractora, como aconteceu cun estudante reincidente no campus de Santiago.