O estraño fenómeno do río Ouro

Xavier Fonseca Blanco
Xavier Fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Xavier Fonseca / Daniel R. Portela

Por que entrou unha enorme onda desde o Cantábrico en forma de tsunami?

20 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A forte ondada asociada á borrasca Evi deixou un fenómeno tan espectacular como insólito nas augas do lucense río Ouro ao seu paso pola parroquia de Fazouro, en Foz. Unha enorme onda ha entrado desde o Cantábrico a modo de tsunami. As testemuñas non daban crédito ao que estaban a presenciar «Andei ao mar toda a vida e nunca vira unha onda tan grande. Veu unha soa e logo xa non chegaron máis coma esa», comenta Cándido Aguiar, veciño do lugar.

Non é doado precisar que foi exactamente ese suceso meteorolóxico pero axústase bastante a un solitón. «É unha onda que retén a súa forma e velocidade durante períodos de tempo moi longos. Só perden a súa forma por choques con outros obxectos. É por iso que nos ríos poden avanzar durante moitos quilómetros», explica o meteorólogo Juan Taboada.

En realidade o evento ocorrido en Fazouro sería un tidal bore, un tipo concreto de solitón. Este fenómeno é habitual noutros ríos do planeta como o Severn, en Inglaterra ou o Qiantiang de China , onde as ondas poden acadar os catro metros de altura e moverse a unha velocidade de 40 quilómetros por hora. «De todos os xeitos esas ondas prodúcense por efecto das mareas vivas máis intensas do ano. Son algo moi previsible e úsanse mesmo para surfear», lembra Taboada.

O caso de Foz ten unha orixe diferente. É certo que o temporal coincidiu con mareas vivas pero a acción da Lúa por si soa non puido provocar que o mar entrase con tanta intensidade. O solitón en Fazouro puido ser o resultado dunha combinación entre a forza do mar e o deseño do estuario. «Os movementos ondulatorios tenden a dispersarse en calquera medio e ir perdendo a súa forma e velocidade. Xa que logo a existencia de solitones é algo contraintuitivo. Necesítase algo que actúe contra esa dispersión. Neste caso tería que ver coas diferentes velocidades ás que se move o río e a auga que entrou desde o mar producido polas ondas», engade. É probable que a forma do estuario do río Ouro e a súa orientación con respecto ao tren de ondas provocará un salto hidráulico. Este proceso ocorre cando un fluído a altas velocidades descarga a zonas de menor velocidade e ascende de forma abrupta. «Algunha das grandes ondas provocou unha subida repentina do nivel do río na súa desembocadura, xerando ese salto hidráulico que actuaba contra a dispersión e mantivo a forma da onda durante varios quilómetros», remata o físico.