En só cinco anos dous miles núcleos de poboación quedaron sen veciños

s. carreira / m. santalla REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

miguel souto

No 2012 había 1.561 aldeas sen ningún habitante e hoxe xa superan as 3.600

19 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Galicia perde poboación a pasos axigantados, e non só se reduce o número de habitantes en conxunto senón que rexistra unha situación moito máis grave: a desaparición de todos os veciños dunha aldea. Agora mesma na comunidade, segundo datos do Nomenclátor do Instituto Nacional de Estatística que se publicou onte actualizado con datos do 2017, hai uns 3.677 núcleos de poboación baleiros. Isto supón máis do dobre do que había fai cinco anos, cando se contabilizaron 1.561 aldeas e pequenas agrupacións de casas nesa situación, unhas 2.000 menos que agora.

Os números dados a coñecer onte sitúan o despoboamento en porcentaxes importantes, xa que roza o 10 %: en Galicia hai 30.769 lugares diferenciados (desde casas illadas a barrios de cidades), con 3.677 aldeas baleiras: en case 1 de cada 10 núcleos de poboación non vive xa ninguén.

En cifras absolutas, a situación é moito máis preocupante na provincia da Coruña que, por exemplo, na de Ourense, aínda que en conxunto viven moitos máis veciños na zona norte que na provincia de interior. Pero se en Ourense hai 333 núcleos de poboación deshabitados, na Coruña son 1.256. Isto explícase, en parte, porque a repartición da poboación en Ourense está lixeiramente máis concentrado que noutras partes de Galicia, posiblemente porque ao longo da historia as condicións foron máis complicadas para vivir illados. Por exemplo, en Ortigueira hai 236 aldeas e grupos de casas sen ningún veciño cando o municipio ourensán con máis pobos deshabitados é Castro Caldelas, que rexistra 34 lugares sen habitantes.

Na provincia de Pontevedra a cifra de enclaves deshabitados vai camiño dos 500 (exactamente 487), mentres que Lugo ten a maior cifra de lugares nos que algún día houbo veciños e que hoxe se quedaron baleiros, 1.601. O municipio lucense en peor situación (en números absolutos) é Muras, con 106 lugares sen xente.

En todos os concellos da provincia de Lugo existe algún enclave abandonado

As casas abandonadas son unha epidemia en Galicia, e hai un dato que ilustra a situación: segundo a información do INE, non hai ningún municipio de Lugo no que todos os seus núcleos estean habitados. Claro que nesta zona os concellos son bastante grandes e iso explica que todos teñan algún lugar sen veciñanza.

No outro extremo está Ourense. Esta é, de lonxe, a provincia con máis municipios (un total de corenta) onde todas as súas aldeas teñen ocupantes (poida que só vaian en vacacións, pero polo menos están no padrón). É o caso de Arnoia, Avión, Baltar, Beade, Beariz, Calvos de Randín, Castro do Val, Cualedro, Entrimo, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadañedo, Larouco, Laza, Lobios, Melón, Monterrei, Oímbra, Paderne de Allariz, Padrenda, Pereiro de Aguiar, Petín, A Porqueira , Pobra de Trives, Riós, A Rúa, San Cristovo de Cea, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, A Teixeira, Toén, Trasmiras, A Veiga, Verea, Verín, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio e Vilar de Santos.

En orde decreciente séguelle Pontevedra, onde os seguintes concellos, vinte e tres, non teñen a día de hoxe aldeas sen habitantes: Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cuntis, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Mondariz Balneario, Moraña, Pazos de Borbén, Portas, Poio, Pontecesures, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo e Soutomaior.

E pecha a lista a provincia coruñesa, xa que os municipios con ocupación son só dezaseis: Cabanas, Cambre, Cee, Corcubión, A Coruña, Ferrol, Lousame, Mugardos, Oroso, Padrón, Ponteceso, Rianxo, Sada, Tordoia, Touro e Zas. A Coruña é a única capital provincial con todos os seus núcleos habitados, pero é que tamén é o territorio municipal máis pequeno.

Unha tendencia crecente

Cifras á marxe, o máis grave é a tendencia que se pode ver na comunidade. Cada ano pérdense lugares habitados, e agora mesmo hai centos de aldeas que teñen menos de dez veciños, moitos mesmo cunha ou dúas persoas soamente, e case todas maiores.