«Imos a unha maior integración co sistema de saúde»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Santi M. Amil

Vicente älvarez, presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, está satisfeito coa lei

14 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O anteproxecto da nova lei de farmacias parece que, polo menos de momento, convence os colectivos implicados. Para o presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Vicente Álvarez, o máis destacable do texto é a posibilidade que abre ás boticas para implicarse na asistencia sanitaria.

-Cales son as novidades máis importantes?

-O primeiro é que defende o modelo tal e como está, e abre a posibilidade á asistencia farmacéutica e aos servizos profesionais que, aos poucos, irán adoptando as farmacias. Doutra banda, elimínase a idade de xubilación do titular, que estaba dando moitos problemas. Agora terá a obrigación de contratar a outro farmacéutico, pero poderá seguir sendo titular. Tamén se fan máis estritas certas incompatibilidades.

-Coincide en que prima o modelo asistencial por amais do modelo de negocio?

-Si, e defende bastante ao farmacéutico adxunto, algo que os colexios defendemos tamén.

-Que servizos profesionais fomenta esta lei?

-Camiñamos cara a unha maior integración co sistema de saúde, a ser máis asistenciais, a preocuparse xa non só do medicamento senón a introducirnos de cheo na prevención da enfermidade e no seguimento dos efectos secundarios, e a elaborar sistemas personalizados de dosaxe. Ao final, todo xira en que o farmacéutico vai estar moito máis implicado na saúde da xente.

-A norma recolle multas moi elevadas por dar un obsequio de máis de 15 euros, é desproporcionado?

-Pedimos á Administración que adaptase as multas a unhas circunstancias lóxicas. Está claro que un farmacéutico non debe dar un agasallo, pero é unha sanción desproporcionada. Sábeno e recoñecérono, así que o alegaremos.