Formoso ultima a executiva provincial do PSdeG e pídelle ao alcalde de Dumbría que presida o partido

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

José Manuel Casal

12 ene 2018 . Actualizado ás 21:03 h.

Será unha comisión executiva articulada ao redor de catro áreas vitais, e que combinará experiencia e mocidade entre os principais integrantes. Este é o perfil que o equipo que está a ultimar Valentín González Formoso para a dirección do PSOE na provincia da Coruña, que colocará ao carismático alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeno, na presidencia provincial do partido.

O presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral electo do PSdeG na provincia tivo así un xesto de recoñecemento cun dos alcaldes socialistas máis veteranos, que no 2015 competiu co propio Formoso por presidir o ente provincial. O apoio de Besteiro inclinou a balanza en favor do alcalde das Pontes, en vez do de Dumbría, pero agora é repescado ao máximo nivel na estrutura orgánica do partido.

O congreso provincial do PSdeG, que terá lugar mañá na localidade de Teo, ratificará unha dirección executiva formada por unhas corenta presentas e na que o secretario xeral estará asistido por varios vicesecretarios, aínda que o número exacto non se coñecerá ata o sábado.

O que si se dá por seguro é que entre todos os vicesecretarios despuntará o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, como un dos homes fortes da nova dirección, xunto a outros representantes do ámbito local como a rexedora de Bergondo, Alejandra Pérez, ou o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, que á vez é vice presidente executivo da Fegamp, motivo polo cal asumirá a coordinación da política municipal. 

Xestos de integración

Na nova executiva tamén haberá algunhas concesións á integración, pois Formoso ten intención de incorporar á dirección aos dous precandidatos a liderar o partido que se retiraron da carreira para darlle o seu apoio, como son o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, ou o representante de Mazaricos, Javier González Trillo.

A diferenza do que fixo Gonzalo Caballero a nivel galego, que vetou a presenza nos órganos de dirección de calquera persoa aliñada coa candidatura de Díaz Villoslada, o seu rival nas primarias, fontes do PSdeG sosteñen que Formoso si ten previsto ofrecerlles varios postos, pendentes aínda de concretar, a persoas asociadas á candidatura de Mercedes Rosón no comité provincial.