Facer equipo para facer colexio

Sara Carreira Piñeiro
sara carreira A Coruña / LA VOZ

GALICIA

ANGEL MANSO

O López Seoane aposta pola convivencia e o traballo colaborativo. Unha filosofía que estende ao claustro

18 dic 2017 . Actualizado ás 17:01 h.

O Víctor López Seoane foi o primeiro colexio público da Coruña cidade en apuntarse á tutoría emocional entre iguais (TEI), un programa de prevención do acoso escolar que ten un enorme éxito en primaria. Trátase de que os alumnos maiores acompañen aos pequenos e axúdenlles -escoitan as súas queixas e resolven conflitos con outros compañeiros-, durante dous anos. Unha vez pasado este período, os «tutorizados» convértense á súa vez en «titores».

O López Seoane é o típico colexio de barrio. Situado en Monte Alto, unha das zonas máis orgullosas da cidade, acolle a un perfil amplo de nenos, un abano que enriquece as clases pero que esixía unha determinación por parte do profesorado. Carmen Franco, a directora do centro, tiña claro que debían facer algo, e despois de mirar as alternativas e mesmo probar algunha que outra cousa, decantáronse polo TEI: «Está secuenciado por trimestres e todo pautado», explica Victoria Yáñez, a xefa de estudos. Iso facilita a súa aplicación, e é que todo o claustro está comprometido, en diferentes graos, coa iniciativa. Para Franco e o seu equipo é fundamental contar co apoio dos docentes: «Todos os luns nos reunimos no que chamamos claustrillos -comenta Caty Gómez, secretaria- e facemos balance do ocorrido a semana anterior e vemos que vai pasar». Facer equipo é moi importante para as directivas: «Conseguimos evitar os círculos», din orgullosas, á vez que destacan a súa forma de afrontar o traballo, xa que «por exemplo, o 1 de setembro empezamos pero non con reunións, senón cunha actividade de cohesión, unha sesión de masterchef».

Todo este traballo previo permite que os 31 profesores estean inmersos nalgunha actividade formativa e que case todos traballen en compaña doutros. Ao bo ambiente xeral súmase a estabilidade dun persoal que é bastante novo, grazas a que se trata dun centro plurilingüe. E é que a innovación vai máis aló das relacións persoais: son centro E-Dixgal -«Estamos esperando aos ordenadores novos», recalca Silver, de quinto-; desenvolven aprendizaxe cooperativa -«empezas traballando de forma rutinaria as áreas instrumentais, como numeracións ou grupos de consonantes», explica David, mestre en segundo-; fan aprendizaxe-servizo (a biblioteca fomenta a relación dos nenos cunha residencia de maiores veciña); teñen patios dinámicos con xogos populares; e participan en programas con outros colexios, como Xuntarte.

E que pensan os nenos? Os de sexto (Joaquín, Lucía, Aitana e Marta) explican que a experiencia TEI é magnífica: «Descobres que case sempre os dous teñen parte de razón e de culpa», «a relación dentro da nosa clase mellorou, porque nos damos conta dos fallos», «vexo que cada persoa é diferente e o que para uns non é nada, para outros é ferinte».