Ofensiva de Tráfico contra o alcol ao volante co gallo das ceas do Nadal

José Manuel Pan
josé manuel pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

DXT

A Garda Civil fará en Galicia máis de 50.000 probas de alcoholemia e drogas ata fin de ano

13 dic 2017 . Actualizado ás 13:20 h.

Mil condutores galegos darán positivo nalgunhas das 54.000 probas de alcoholemia que realizarán as patrullas da Garda Civil ata final de ano dentro dos controis intensivos que deseñou a Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Trátase de diminuír o risco de accidente apartando da estrada aos condutores que «aínda beben alcol e conducen: Son un 2 % dos automobilistas, pero representan un grave risco para a circulación», advirte Juan Carlos González Luque, médico e subdirector adxunto de Investigación e Intervención da DXT. Asegura que o consumo de alcol é «un problema importante na sociedade en xeral, e xa que logo tamén nos condutores, porque se incrementa o risco de accidente e de morte. Luque cre que unha gran parte dos condutores teñen claro que non poden beber e conducir: «Levamos 30 anos facendo controis e a poboación disocia bastante o feito de beber e conducir». Non sucede o mesma coas drogas.

«Moita xente di que se fuma un porro non lle afecta, pero claro que lle afecta, por iso fúmallo», apunta o experto de Tráfico. «Moitos creen que con ese porro ou cunha rayita de cocaína pódese conducir e non pasa nada, pero si que pasa porque afecta á capacidade de condución. Produce alteracións, aumenta o tempo de reacción». González Luque advirte ademais doutro grave problema que se está detectando nos controis, como son os condutores que consumen alcol en combinación con outras drogas. «Preocúpannos esas combinacións, pero en especial a mestura de alcol e cocaína, que é relativamente frecuente no noso medio. E é moi perigosa, non só no ámbito do tráfico, senón tamén para a saúde. Esa combinación multiplica case por 200 o risco de sufrir un accidente mortal», asegura o subdirector da DXT.

O 43 % dos preto de 600 condutores mortos en España consumiran alcol ou drogas antes do accidente en cantidades superiores ás permitidas. E o 20 % dos automobilistas examinados polos forenses combinaran a perigosa mestura de alcol e cocaína. Non é un problema só de España. En Europa, o 25 % das mortes nas estradas están relacionadas co alcol. Por iso o control do consumo ao volante é constante. Xunto a España, outros 25 países están intensificando os controis de alcol e drogas nestas mesmas datas a través de Tispol, o organismo que engloba ás policías de tráfico de toda Europa.

En España, a DXT fará cada día 20.000 probas de alcoholemia. En Galicia faranse unhas 2.500 diarias ata final de ano. Son en total 54.000 probas coas que os axentes tratan de detectar aos condutores que se poñen ao volante despois de ter consumido alcol ou drogas. Haberá controis en todas as estradas e acotío. En especial nas proximidades de restaurantes e centros de lecer, porque nestes días se celebran numerosas comidas e ceas de empresa. «Estaremos despois para comprobar en que estado atópanse os condutores, pero tamén antes, para que nos vexan antes de entrar á cea e non beban. Buscamos un efecto preventivo, farémonos máis visibles», explica o tenente coronel Francisco Javier Molano, xefe da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Galicia.

A condución baixo os efectos do alcol ou as drogas está moi castigada na normativa de Tráfico. No caso do alcol, o límite está fixado en 0,25 miligramos na proba de aire. Superar esa taxa ten unha multa de entre 500 e 1.000 euros e a perda de entre 4 e 6 puntos. Superar o nivel de 0,60 é un delito, que inclúe penas de cárcere.

Nas drogas non hai taxas. Castígase a presenza, cunha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos.

«Se bebes e conduces, o sinistro é cuestión de tempo»

María Victoria Gómez Dobarro, coordinadora da DXT en Galicia

j. m. p.

«Temos que ser capaces de valorar o verdadeiro risco que se deriva de beber e conducir: se adoitas beber e conducir, que o accidente se produza é unha mera cuestión de tempo». María Victoria Gómez Dobarro (Pontevedra, 1968) ten moi claras cales son os riscos de mesturar condución e alcol. Como xefa de Tráfico e na Coruña e coordinadora da DXT en Galicia sabe que «hai que cambiar os hábitos de consumo de alcol: non no traballo e non na estrada».

Reducir o alcol e outras drogas no ámbito do tráfico leva «non só a un menor número de accidentes, senón tamén, e desde unha perspectiva máis ampla de saúde pública, a mellorar a calidade de vida dos suxeitos afectados, minorando o impacto dos trastornos, físicos e mentais, relacionados co uso destas sustancias», asegura Dobarro.

A coordinadora da DXT en Galicia advirte de que existe un maior risco de sufrir un accidente de tráfico cando se conduce coa presenza de sustancias psicoactivas no organismo, e lembra que determinados condutores repiten na súa conduta infractora, a pesar das medidas sancionadoras e sensibilizadoras postas en marcha pola DXT. Iso pon de manifesto, engade, que hai que reducir o número de reincidentes, algo no que está a traballar Tráfico.

«Son días de perigo extremo nas estradas»

Francisco Javier Molano, xefe da Agrupación de Tráfico de Galicia

j. m. p.

«Estes son días de extremo perigo nas estradas». Francisco Javier Molano Martín (Cáceres, 1968) lembra que se incrementan os desprazamentos e que os condutores non os fan sempre nas mellores condicións. É unha época de comidas e ceas de empresas e de amigos «e iso provoca que haxa moitos desprazamentos e un aumento do consumo de alcol e de drogas», advirte o tenente coronel xefe da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Galicia.

Ese consumo de alcol ou drogas deriva nuns comportamentos de risco que «aumentan a temeridade ao volante, hai máis distraccións, máis excesos de velocidade. En definitiva, hai un maior incumprimento das normas», afirma Molano, quen apunta que «o alcol e as drogas non só fan que a persoa estea en peores condicións, senón que tamén incitan a ir a maior velocidade e a facer adiantamentos de risco».

Molano lembra a incompatibilidade do alcol e as drogas coa condución e fai un chamamento á responsabilidade dos condutores para que non beban se van conducir. E fai unha chamada especial aos mozos e ás súas familias para que estean pendentes de con quen se soben ao coche e en que condicións fano: «É mellor iso que lamentarse cando xa é tarde».

Máis de 70 tramos con risco de xeo ou neve na rede viaria galega

Tráfico advirte de posibles problemas por condicións meteorolóxicas en estradas das catro provincias

j. m. pan

A gran operación saída deseñada a escala nacional para estas datas festivas apenas ten incidencia en Galicia, pero si a teñen os desprazamentos interiores e o incremento da intensidade circulatoria pola complicada rede de estradas convencionais, na que se producen máis do 80 % dos accidentes mortais. A DXT advirte de máis de 70 puntos conflitivos durante estas festas na rede viaria galega, a maioría a consecuencia das condicións meteorolóxicas adversas, polo que se recomenda extremar as precaucións ao volante.

Na provincia da Coruña identifícanse polo menos cinco tramos con posibilidade de xeo e neve, nos que podería chegar a ser necesario o uso de cadeas.

Na de Lugo advírtese de 15 tramos con risco de xeo e neve e de seis portos de montaña nos que serán necesarias as cadeas. En Ourense hai 21 puntos da rede viaria con risco de xeo e neve, aos que podería sumarse a néboa. Tamén en Pontevedra hai ata dez tramos que poderían ter problemas por xeo ou neve.

Morre unha muller de 86 anos atropelada por un camión en Ordes

Unha muller de 86 anos morreu onte atropelada por un camión en Ordes, na travesía urbana da N-550, informa Xurxo Melchor. Tamén morreu onte a muller atropelada, xunto ao seu marido, nun paso de peóns de Meaño o domingo. Rosa Bicada Casal, de 71anos , acudía ao festival de corais, informa Marina Santaló.