Galicia supuxo case o 25 % do saldo vexetativo negativo de España no primeiro semestre

Efe SANTIAGO

GALICIA

ANGEL MANSO

No 2016, o saldo vexetativo na nosa comunidade tamén foi negativo, con 12.695 defuncións máis que nacementos

12 dic 2017 . Actualizado ás 12:37 h.

Galicia rexistrou no primeiro semestre do 2017 case 8.000 defuncións máis que nacementos (7.942 persoas), practicamente o 25 % do saldo vexetativo negativo de España neste período (32.132 persoas).

Segundo a enquisa Movemento Natural da Poboación difundida este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en Galicia houbo entre xaneiro e xuño deste ano 8.870 nacementos, un 5,8 % menos que o mesmo semestre do 2016 e rexistráronse, en cambio, 16.812 falecementos, un 2,3 % máis.

O INE ofrece datos definitivos sobre o ano 2016, no que saldo vexetativo de Galicia tamén foi negativo, con 12.695 defuncións máis que nacementos. O ano pasado naceron 19.062 persoas en Galicia e faleceron 31.757. No conxunto de España o saldo vexetativo tamén foi negativo no 2016, con 28 mortes máis que nacementos.

Esta enquisa ofrece tamén datos sobre a variación de matrimonios no mesmo período. O descenso é xeral en todas as comunidades, salvo o País Vasco, onde crecen un 3,9 % e a media da baixada é do 6,2 %. En Galicia esta cifra redúcese e sitúase no 1,5 % de matrimonios menos que no primeiro semestre do ano pasado.

A enquisa mostra que a idade media de maternidade das galegas situouse nos 32,60 anos, mentres que no conxunto de España a media foi de 32 anos.

Os nados no 2016 tiñan unha esperanza de vida de 82,65 anos, entre as máis baixas de España, aínda que moi similar, e por baixo da media, situada en 83,11 anos.

Segundo o INE, a idade media dos galegos que decidían contraer matrimonio por primeira vez situouse nos 33,89 anos, mentres que a media do conxunto de España foi de 33,95 anos.

Durante o 2016 en Galicia houbo 9.379 matrimonios, o 5,3 % dos 175.343 rexistrado en toda España.

O INE sostén que os primeiros semestres de cada ano caracterízanse por maior mortalidade e menor natalidade que os segundos.