A Xunta suspende as actividades escolares ao aire libre por o temporal de vento nas provincias da Coruña e Lugo

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Xoán A. Soler

O aviso é de nivel laranxa xa que os refachos poderían acadar os 100 quilómetros por hora

21 novs 2017 . Actualizado ás 20:46 h.

A Xunta alerta dun forte temporal de vento que afectará mañá, a partir das 09.00 horas, a parte das provincias da Coruña e Lugo, o que levou á Consellería de Educación a suspender as actividades no exterior a partir das 9.00 horas nos centros escolares das zonas afectadas. As previsións da Aemet apuntan que os refachos poderían chegar aos 100 quilómetros por hora nalgunhas zonas da comunidade. 

Desta forma foi activado o aviso laranxa por fortes ventos para o oeste e o suroeste da provincia da Coruña e na Mariña lucense desde as nove da mañá ata a medianoite. No resto de Galicia, salvo en sur da provincia de Lugo, a alerta é amarela con refachos de ata 80 quilómetros por hora.

Ademais hai alerta laranxa por fenómenos costeiros adversos na costa coruñesa e amarela na pontevedresa. 

O temporal tamén traerá choivas a toda Galicia aínda que serán máis significativas no oeste e suroeste da provincia da Coruña. Nesas zonas hai aviso amarelo por precipitacións con ata 50 litros por metro cadrado entre as nove da mañá e as once da noite. 

A Xunta lembra a necesidade de extremar as precaucións e seguir coas medidas de protección pertinentes, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns ou fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, árbores ou paneis publicitarios.