Un tren de borrascas deixará precipitacións significativas pero insuficientes

S. a. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Cabalar | EFE

A partir do luns regresará o tempo seco

21 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Un tren de borrascas pasará por Galicia a partir de mañá, pero as choivas que deixará non serán suficientes para paliar os efectos da seca, aínda que se agarda que durante a madrugada do venres póidanse rexistrar cantidades significativas de precipitación: «Vai ser o típico tren de borrascas de inverno. A primeira chegará mañá pola noite e non se agardan choivas especialmente abundantes, entre sete ou dez litros por metro cadrado, talvez un pouco máis na costa. A madrugada do venres chegará outra borrasca, que esa si xa deixará máis cantidade de auga», comentan Vicente Pérez Muñuzuri, profesor da Facultade de Física da USC e experto en cambio climático, e Carlos Otero, investigador físico da USC.

«Nesta segunda borrasca hai discrepancias en función dos modelos que se consulten, ao tratarse de previsións de máis alá de tres días. O modelo europeo, que é máis preciso, indica que no sur de Galicia pódense rexistrar entre 20 e 25 litros por metro cadrado nunha hora. En cambio, o modelo estadounidense dá choivas algo menores e máis cara ao norte da comunidade. Pero trátase dunha fronte asociada a un río atmosférico procedente de zonas tropicais, polo que a cantidade de choiva que pode caer pode ser significativa», engade.

Sen cambio de tendencia

O que non parece é que as precipitacións se vaian a instalar de xeito continuado en Galicia. Este tren de borrascas aínda non supón un cambio de tendencia, porque a partir do luns os modelos observan que regresa o tempo seco: «O anticiclón aínda está moi reforzado e actúa de bloqueo». A comunidade necesita choiva constante e de xeito continuado. Unha media de 200 litros ao mes ata febreiro sería o ideal para evitar tamén graves problemas de inundacións . Acadar a barreira de 600 litros nun só mes non sería o desexable, ademais de que se trataría duns rexistros anormais. En canto ao risco de que poidan vir choivas torrenciais tras a seca, Pérez explica que non existe ningunha investigación que o demostre, polo que se aparecen non terían relación cos efectos da seca.