A choiva asómase o mércores

Susana Acosta
Susana Acosta REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ANA GARCIA

Non existe a seguridade de que os chuvascos veñan para quedar

18 novs 2017 . Actualizado ás 14:45 h.

O anticiclón que está nas illas británicas seguirá exercendo a súa influencia sobre Galicia durante os próximos días. As temperaturas poden chegar a ser agradables durante as horas centrais, superándose incluso os vinte graos no sur de Galicia, mentres que a diferenza térmica entre o día e a noite será acusada. Isto débese á irradiación nocturna, é dicir, a perda de calor polo chan nas noites sen nubes. Pero tamén a que nesta época do ano as noites xa non son tan curtas e iso fai que dea tempo a que baixen as temperaturas.

Esta situación de estabilidade tan atípica para un mes de novembro e que tan mal vén para paliar os efectos da seca continuará ata o mércores. A partir desta xornada, os ventos do sur permitirán a entrada de nubes e mesmo de chuvascos. Pero a pregunta é por canto tempo: «Os modelos que normalmente consultamos a medio prazo modelos globables executados en EEUU e Europa- dannos probabilidades significativas dun cambio na situación que podería deixar algunhas choivas a partir do mércores. Pero hai que ser moi prudente con estes prognósticos porque eses modelos están a resultar un tanto inconsistentes no horizonte de sete a dez días nas últimas semanas e xa que logo non podemos asignarlles unha elevada fiabilidade», asegura Juan Taboada, de Meteogalicia, que non se atreve a afirmar se haberá finalmente un cambio de tendencia no tempo, algo que Galicia está a pedir a berros.

Realmente non existe seguridade de que a choiva veña para quedar. Nin sequera agárdase que a borrasca que se asoma por Galicia a próxima semana vaia a ser moi profunda: «Máis ben todo o contrario, aínda que nos próximos días poderémolo ver máis en detalle. Os prognósticos de choiva a medio prazo sempre son complicados en latitudes medias e máis concretamente en Galicia. Non ocorre o mesmo en zonas polares ou ecuatoriais», puntualiza. Isto débese a que nas latitudes medias a atmosfera é máis dinámica e caótica.

O fenómeno da Nena no Pacífico, aínda que de forma débil, tamén impide dalgún xeito que cheguen borrascas a Galicia, coa aparición de anticiclóns de bloqueo como o que está instalado desde hai días sobre as illas británicas. Pero tamén provoca menos xeo no Ártico e, á súa vez, máis neve en Siberia. E isto último podería traer inestabilidade a Galicia: frío, neve e choiva: «Os sinais son xa que logo contraditorias e posiblemente iso estea detrás da inconsistencia dos modelos», conclúe.