Os afectados polos lumes teñen ata o 30 de novembro para reclamar axudas públicas

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

VÍTOR MEJUTO

A policía investiga a un home en Brión por un incendio, e en Lugo identificaron a quince persoas

31 oct 2017 . Actualizado ás 12:41 h.

Os afectados pola vaga de incendios de mediados de outubro en Galicia teñen ata o 30 de novembro, xoves, para solicitar as axudas públicas que a Xunta publicou o luns no DOG. Nunha orde de 177 páxinas, a Administración autonómica detalla o conxunto de accións previstas para paliar os danos provocados polo lume, entre as que se inclúen os 75.000 euros que recibirá cada unha das familias dos catro falecidos.

Tal como anunciou o presidente Feijoo o pasado xoves, o DOG puntualiza toda a documentación necesaria para a tramitación cos seus requisitos, así como os prazos correspondentes -un mes con carácter xeral menos nunha liña habilitada por Vivenda, con tres meses- e incorpora o papelorio necesario para cumprimentar telemáticamente unhas axudas que están segmentadas por departamentos. Así, dos 21 millóns globais que a Xunta habilita de forma inmediata e que son ampliables en caso de demanda, 11 estarán dedicados ás indemnizacións por morte ou danos persoais, ás rehabilitacións de vivendas habituais e secundarias e a reparación de establecementos comerciais, industriais ou gandeiros. Os outros dez canalizaraos a Consellería do Medio Rural para a recuperación forestal e dos chans, con especial preocupación polos parques naturais afectados.

O vicepresidente da Xunta, que coordinou a unificación da orde de axudas, insistiu no Parlamento en que a Administración vai tratar de responder a cada solicitude coa mesma «urxencia» coa que se realizou a convocatoria, e na medida do posible tratarase de que non se esgoten os prazos de confirmación, que se poden ir ata os cinco meses a partir do 30 de novembro. E tamén aproveitou para descartar que os afectados teñan que agardar por calquera tipo de resolución para xustificar que foron vítimas dun incendio intencionado, entre os que se inclúen os derivados de imprudencias. Alfonso Rueda, que comparecía para defender os orzamentos da súa consellería e que tamén tivo que escoitar críticas pola xestión do 112, asegurou que na Xunta están «absolutamente convencidos» de que se dan todas as circunstancias para que os afectados accedan ás axudas «sen problema algún».

A Policía Autonómica tomou declaración en calidade de investigado, non detido, a un home que supostamente provocou por unha neglixencia cando realizaba unha queima ao lado da súa vivenda un incendio forestal no concello coruñés de Brión que obrigou á intervención das brigadas autonómicas. Por outra banda, o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, estima que unhas quince presentas foron identificadas na provincia en relación cos incendios de outubro. En toda Galicia son 89 os investigados este ano.

Reprobación

Por outra banda, o pleno do Concello de Zaragoza aprobou a reprobación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e da ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, pola onda de incendios. A proposta contou co apoio do PSOE, Zaragoza en Común e Chunta Aragonesista.

XOÁN A. SOLER

O ditame esquecido da comisión de incendios do 2006

pablo gonzález

Tras a onda de incendios do 2006, a maioría parlamentaria do momento (PSdeG e BNG), que sustentaba ao Goberno bipartito da Xunta, opúxose a crear unha comisión de investigación sobre a onda de incendios do 2006, como solicitaba o PP. No seu lugar, crearon unha comisión de estudo cuxo ditame, moi interesante, apenas se tivo en conta nestes once anos. Agora, o BNG, con Ana Pontón á fronte -que era deputada naquela lexislatura-, pide outra comisión de estudo polos incendios de outubro. Talvez por coherencia política non solicitan unha comisión de investigación, aínda que, iso si, creen que a de estudo pode servir para «depurar responsabilidades políticas».

En calquera caso, a que se constituíu o 4 de setembro do 2006 tras os incendios acaecidos entre o 4 e o 15 de agosto dese ano, que queimaron preto de 80.000 hectáreas fronte ás 35.500 da onda actual, foi un produtivo experimento de reflexión sobre as causas dos incendios en Galicia, con 68 comparecentes de distintos ámbitos. Moitas das súas conclusións, con todo, seguen sen aplicarse en Galicia. É dicir, é probable que unha nova comisión retorne a aqueles vellos argumentos para que, desgraciadamente, sigan apilándose dentro dun caixón.

O ditame atribuíu a onda do 2006 á actividade incendiaria e á situación meteorolóxica extrema (factor trinta), así como á prolongada seca, factores que facían avanzar os lumes a unha velocidade de 3 kms/h. Aos factores trinta clásicos (30 graos de temperatura, vento a máis de 30 por hora e humidade por baixo do 30 %) engadiuse o 30 % de pendente que dificultaba a extinción en moitas das zonas incendiadas. Como pasou esta última vez, a choiva veu axudar a partir do 15 de agosto e a comisión non detectou ningunha decisión política que influíse no funcionamento do dispositivo. Ningunha responsabilidade política, xa que logo.

Xa entón se destacou a situación laboral dos brigadistas, a dificultade do operativo para loitar contra os novos tipos de incendios, especialmente os que afectaban a zonas fronteirizas entre o urbano e o forestal, un fenómeno que se repetiu este ano. Respecto deste problema púñase o acento na vixilancia das políticas de prevención, tanto públicas como privadas, así como na sensibilización da sociedade a través do sistema educativo.

Tamén se destacou a necesidade de que a Xunta coñeza que montes están abandonados para abordar a súa tutela, revisar a planificación do chan no medio rural, crear un banco de terras para reestruturar a propiedade dos montes en Galicia e impulsar proxectos de aproveitamento enerxético para reducir a biomasa residual inflamable.

Sen chegar a criminalizar árbores como o eucalipto, a comisión recomendou incrementar a plantación de especies caducifolias autóctonas, así como aumentar os espazos que contan con algún tipo de protección ambiental.