Álvaro García Ortiz: «O Código Penal non soluciona o problema dos incendios forestais»

Pablo González
Pablo González REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

V TELEVISIÓNS

O fiscal delegado de Medio Ambiente garante que a Fiscalía coordinará as investigacións para achar aos culpables

17 oct 2017 . Actualizado ás 17:34 h.

Álvaro García Ortiz leva moitas investigacións de incendios ás súas costas, entre elas a da onda do 2006, e talvez por esta razón é prudente. A complexidade no fenómeno incendiario, o difícil que é chegar a entender un só lume fan que o fiscal delegado de medio ambiente sexa precavido sobre a inédita tarde noite do domingo.

-É evidente que esta onda de incendios é diferente a outras. En que se diferencia?

-Tivemos ondas de incendios, algunhas tamén con vítimas mortais, pero desta destacaría a súa intensidade, pois se desata en só dous días. É moi curioso. Talvez se deba á cola do furacán... E logo é moi rechamante o que pasou en Vigo.

-Unha cidade invadida polo lume. Que cre que pasou en Vigo?

-É a primeira vez que se pon en risco unha cidade cos incendios forestais. Aínda que pasara algo similar con Santiago, non é comparable nin por poboación nin por violencia. Esa sensación de vulnerabilidade nunha gran cidade é un fenómeno novo e permitiu que a xente que vive neses ámbitos urbanos visualice en primeira persoa o risco dos incendios.

-Pero como foi posible ese acio de incendios salpicados pola cidade?

-Non é doado contestar a iso agora. Dun só foco ou dous pode saír todo aquilo, mesmo a distancias que van desde os tres ata os dez quilómetros. Os lumes en zonas periurbanas, na interfaz entre cidade e campo, convértense en moi perigosos. E a disposición do territorio galego favorece este perigo.

-É dicir, hai un foco orixinal que contaxia vía aérea. E incendiarios que aproveitan o caos para queimar máis?

-Iso do caos está collido sempre un pouco a vuelapluma. Non temos indicios de que nunha situación de caos incendiario a xente aproveite para queimar máis. Todo iso forma parte do caldo de cultivo do que parece que pasa, alimentado en boa medida polas redes sociais. Hai que agardar e ver se somos capaces de explicar algo do que pasou. Hai que ver onde nacen os incendios. Temos que ir cara atrás na investigación e ver a orixe dos focos. Pero si podemos dicir que se non fóra polo vento que facía non teriamos tido o mesmo resultado. Prudencia. A ver onde nos leva todo isto.

-A investigación pode guindar sorpresas?

-Só hai que lembrar o que pasou cos incendios que afectaron fai un tempo á AP-9. A primeira impresión era que alguén quería facer dano na espiña dorsal galega. Isto quedou en nada, pois despois se comprobou que todos aqueles lumes se produciron lonxe de alí. Hai que agardar e investigar, talvez esta vez teñamos outro diagnóstico.

-Que vai facer a Fiscalía ante unha situación tan inédita?

-En primeiro lugar, se hai sospeitosos, detidos e investigacións, estar aí coordinando as pescudas. E haberá algunha iniciativa máis que anunciará o fiscal superior. Vaise facer un gran esforzo.

-Unha investigación global como a que levou a cabo tras a onda do 2006?

-Non lle podo dar detalles, é algo que vai dirixir o fiscal superior.

-Entendo que na investigación haberá unha xerarquía: primeiro os incendios onde houbo vítimas, non?

-Os corpos policiais, por si mesmos, xa priorizan as liñas de investigación. E por suposto, as vidas humanas son o máis importante. Non fai falta dicirlles nada.

-Desde o poder executivo empréganse expresións como «terrorismo incendiario», dando a entender que hai unha trama organizada detrás de todo isto.

-O problema dos incendios é moi complexo, así que dar unha visión global de todos eles é moi complicado. Hai que ir a cada sitio, a cada lugar, e ver as causas. Nestes momentos difíciles é mellor optar pola calma e a mesura e deixar traballar aos investigadores para ver se esa idea imaxinaria da trama é verdade. Ata agora, tras moitos anos investigando, non atopamos nada semellante a unha trama, nin sequera na onda do 2006. Xa veremos.

-Entre a persecución e a prevención, que é máis importante?

-O dereito penal ten un papel a posteriori e o Código Penal ten unha función de prevención xeral para que a xente vexa que certas condutas non saen gratis. Pero en realidade o noso papel é a posteriori, perseguir o delito. O Código Penal non soluciona o problema dos incendios forestais, como tampouco soluciona o das drogas. É só unha parte dun problema moi complexo.

-Como ve a loita contra os incendios en Galicia?

-No meu campo, a investigación dos incendios, melloramos porque temos máis experiencia. Os corpos policiais traballan moito e ben. Todo este traballo (seguimentos, pescudas interrogatorios...) non sabemos se está tendo un efecto preventivo.

-A Xunta apunta a unha intencionalidade dolosa, pero non toda o é, non?

-Por iso hai que ser cautos e agardar. Non é o mesmo que os focos en Vigo se prendesen no momento álxido do paso do Ophelia ou que teñan sido trasladados polo vento desde máis lonxe.

-O lume dispersado polo vento xa se deu na onda do 2006. Ve paralelismos?

-Algúns. A intensidade foi nun período máis curto e nunha estación diferente [no 2006 foi en agosto]. O sentimento de angustia colectiva, a sensación de ataque á seguridade colectiva é moi similar. Isto ensínanos dun xeito moi cru que o home non é capaz de dominar os incendios. Nin cos adiantos técnicos nin con grandes presupostos... Nin aquí nin en California nin en Australia... É un risco que se se xera é difícil de conter. Por iso hai que facer todo o posible para que non se xere.

-Hai pouco foi detido un brigadista en Lobios. Pode haber unha variable de despeito laboral tras rescisións contractuais?

-Para falar de algo así hai que ter probas. Iso é algo que pode estar no imaxinario, pero se non hai evidencias creo que non se pode falar de algo así. Neste asunto hai moitas variables. Pero non vou colaborar en pór en cuestión a un colectivo como leste.

-Que opina da instrumentalización política dos incendios?

-A comisión parlamentaria tras os incendios do 2006 xa concluíu que había que sacar este asunto da pugna política e buscar consensos para políticas de Estado.

-E a polémica sobre os medios antiincendios?

-Non son un experto, pero dáme a sensación de que o de onte era imparable. Conxugáronse factores contra os que as sociedades máis avanzadas non poderían. En Galicia temos un bo servizo de extinción.