Feijoo reprende a Vilares por apoiar o referendo catalán sen amparo legal

«Espero que non volva ditar unha sentenza en Galicia», espétalle ao maxistrado

.

Santiago

Desde que o portavoz de En Marea, Luís Vilares, apoiou publicamente a celebración do referendo secesionista en Cataluña sen respaldo legal, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, estaba a agardar a verlle a cara ao tamén maxistrado en excedencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O día foi onte, na primeira sesión de control do novo curso parlamentario, onde Feijoo lanzou unha batería de reproches contra Vilares por non acatar a legalidade vixente, reproches que coroou cun desexo: «Espero que non volva ditar nunca unha sentenza en Galicia», espetoulle.

O enfrontamento dialéctico produciuse cando o portavoz de En Marea interpelou a Feijoo polos datos da precariedade laboral e elevou a intensidade do debate sacando a colación a «chapuza» da suspensión do concurso eólico, a iluminación do Gaiás ou as retribucións en B percibidas por varios dirixentes do PP, que se investigan no caso Bárcenas.

O mandatario autonómico tamén elevou a intensidade da resposta, ao manifestar que a precariedade pola que se interesou Vilares foi a súa propia. «Do primeiro que falou no Parlamento foi da condición laboral de vostede», dixo Feijoo, ao recordar que Vilares reclamou ao seu partido unha compensación económica, secretario e chofer tras colgar a toga para ser deputado. «Se non lle gusta a política, volva vostede á súa anterior profesión», subliñou Feijoo, un xiro que aproveitou para deterse no apoio de Vilares ao referendo catalán.

«Por certo -preguntou Feijoo-, cre que as leis se deben cumprir ou non?», preguntou o xefe do Executivo. E proseguiu: «Cre que hai que acatar as sentenzas do Tribunal Constitucional ou non?».

E sen dar opción a Vilares de responder, pois xa esgotara o seu tempo de intervención, Feijoo insistiu: «Que lle parece se os galegos non acatamos nunca as sentenzas que poida chegar a ditar?». O portavoz de En Marea intentou intervir ao final do cara a cara co líder do PPdeG, pero o presidente da Cámara denegoulle a palabra. Así que foi o propio Feijoo o encargado de pechar a agre discusión coa súa frase lapidaria, na que expresaba o seu anhelo de que Vilares non regrese á carreira xudicial para ditar sentenzas.

Leiceaga empraza á Xunta a volver á casa de saída coa reforma das áreas sanitarias

O anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia, presentada pola Xunta en pleno mes de agosto, foi obxecto de discusión no primeiro pleno do novo curso político, no que o portavoz do PSdeG-PSOE, Xoaquín Fernández Leiceaga, emprazou ao Goberno galego a «volver á casa de saída» e retirar o texto, pois entende que supón «un novo paso na redución de servizos».

O presidente da Xunta, en cambio, deu mostras de que pretende seguir adiante co borrador, pois, como moito, abriuse a enriquecelo con achegas, pero non a retiralo. Feijoo tendeu a man ao PSdeG para «mellorar» un documento que -dixo- foi concibido para «adecuar á realidade de todos os días os textos legais» e para, en definitiva, mellorar a xestión sanitaria e os servizos que se prestan.

Leiceaga afanouse en cuestionar «o fondo e a forma» do borrador e pediu que se reforcen os hospitais comarcais. Pero Feijoo chamouno a non vaticinar o «apocalipsis» e a facer achegas.

A comisión para rescatar o pazo de Meirás ábrese paso

A comisión de expertos dirixida a revisar a entrega do pazo de Meirás a Franco ábrese camiño. O portavoz dos socialistas, Xoaquín Fernández Leiceaga, esbozou esta vía fai quince días e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, recolleu onte a luva: «Prantexemos dende o punto de vista legal a adquisición gratuíta dese pazo», dixo, creando a comisión que acredite os «vicios ocultos» que puideron rodear a doazón feita ao ditador hai 80 anos, en plena Guerra Civil.

Feijoo anunciou a súa disposición a impulsar dita comisión, coa implicación de investigadores e das universidades galegas, nun cara a cara coa portavoz do BNG, Ana Pontón, quen, con todo, menosprezou tal posibilidade. «Vostede que quere, facer unha comisión dos seus expertos para dicir que non hai ningún vicio e irregularidade e manter a situación igual que agora?», preguntou. É máis, a deputada nacionalista emprazou a Feijoo a sumarse á xa constituída Xunta Pro Recuperación do Pazo de Meirás, capitaneada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, que á súa vez é membro da dirección do BNG.

Feijoo reprochou a Pontón que prexulgase que unha comisión de expertos, aínda por crear, vai ser do PP e que en paralelo o invitase a sumarse a outra comisión presidida por unha dirixente do Bloque. «Iso si que é sorprendente», espetou Feijoo.

«Blindar o espolio»

Pero Pontón insistiu en reprocharlle a Feijoo que a súa vía só ofrecía «blindar o espolio» e deixar todo tal cal está, cando o BNG expuña promover unha lei para recuperar Meirás de forma máis inmediata, así como outros bens dos herdeiros de Franco. É algo do que receou Feijoo, que insistiu en non utilizar «métodos franquistas» como a ocupación ou a incautación para recuperar o pazo de Meirás.

O debate quedou aberto, pero o socialista Fernández Leiceaga terció onte na discusión para avanzar que, no próximo pleno, o seu grupo político «dará a oportunidade a todos de coincidir nunha proposta técnica e plural para a devolución do pazo de Meirás». Dita proposta, que xa está rexistrada, aposta por revisar os «vicios» da doazón aos que aludiu Feijoo.

Votacin
37 votos
Comentarios

Feijoo reprende a Vilares por apoiar o referendo catalán sen amparo legal