Patrocinado por Patrocinadopor

A velutina morre polo vermú

AGRICULTURA

Ana García

Carballo contrata un servizo para combater esta especie invasora en colaboración con apicultores, que usan trampas con zumes ou licores para acabar coas raíñas

07 sep 2017 . Actualizado ás 09:10 h.

Non van quedar, aínda que teñan descuberto en Galicia un paraíso cheo de árbores, auga e colmeas cos que poder construír os seus niños, reproducirse e aplacar o seu voraz apetito depredador. Iso é algo que teñen claro Isidro Rodríguez, Santiago Castro e José Antonio Pereira. Polo menos, mentres queden forzas para combater á avespa velutina, unha especie invasora que viaxou en barco ata Europa e que agora colonizou varios países de Europa.

Isidro e Santiago pertencen á empresa que este ano gañou o concurso convocado polo concello de Carballo para crear un servizo específico de prevención e retirada de niños.

Cobran, como marca o contrato, 55,66 euros por niño (IVE incluído). Polas trampas que colocan na primavera para capturar ás raíñas, 7,26 euros. No que vai de ano retiraron 291. O primeiro foi o 3 de abril. Os dous últimos onte mesmo. Con eles a suma sería xa 293. A colaboración cidadá foi fundamental para a súa captura. Igual que o é a técnica do ensaio-erro á hora de atopar o mellor método para acabar con elas. A idea é: o que vexa un niño, que avise. Poden estar por todas partes. Colocados na fachada das casas, en árbores, cunetas ou no chan. En menos de vinte e catro horas aí están estes avespabusters (caza avespas) para dar guerra.

José Antonio é apicultor. Afeccionado. Pero adora ás abellas. Por iso non vai permitir que eses bichos que lles triplican o tamaño dególenas. Porque o que fan é iso: decapitalas. «Ou as protexemos, ou non deixan unha», di. Por iso, os amantes das abellas traballan de xeito conxunto co equipo de Isidro. Colocaron paneis eléctricos (ata agora o método que mellor resultado lles dá para defender as colmeas), pero son caros. Na primavera, cando as raíñas espertan do seu letargo invernal, colocan trampas para atrapalas, evitando que fabriquen niños secundarios onde criar o exército de súbditos encargados de alimentar ás larvas coas abellas ou pulgones que atrapan. Non fan tampouco noxos ao alcol. O seu talón de Aquiles.

De feito, aínda que os homes de Isidro usan trampas comerciais onde poñen unha sustancia homologada para atraelas, hai outras beberaxes caseiras que son cada vez máis usados por aqueles que combaten á velutina como José Luis. O que buscan moitos, di, «é gastar menos na trampa e dedicar o aforro a atraínte. Usan dende mestura de zumes de melocotón, laranxa..., ata viño ou vermú. ¡Home! Non lles vamos dar un que vale os oito euros, pero hai un no supermercado en Carballo que vale uns dous euros e pico e alá van».

Trampas caseiras

Que fan con el? Méteno nas trampas caseiras que colgan onde poden, pero na contorna das colmeas. «Na primavera podían poñerse tres ou catro ao redor de cada casa e iso faría moito», di o xefe dos avespabusters.

Esas trampas fanse con botellas de plástico. Vale una de litro e medio de auga. Cortan a parte de arriba, danlle a volta para que quede como un embude. Despois colócano na parte inferior. O vermú está no fondo. A avespa vai ata aí atraída polos efluvios do alcol. Entra para botar un grolo pola parte estreita do colo da botella. Aí está a trampa.

As que caen nela loitan coas súas pezuñas por saír. Non hai remedio para estas depredadoras, que non dubidan en enfrontarse ás súas congéneres cando algunha está a nada de atrapar unha abella. Non fai falta que o xure ninguén. Basta con comprobar cal é a súa actitude cando atacan unha colmea. A súa estratexia é achegarse. As abellas agrúpanse na pequena ranura que dá entrada á colmea. A cazadora axexa cando outras dúas congéneres achéganse coa mesma intención. A primeira en chegar enfróntase a elas enfurecida. «Non ves?», din os avispabusters. A velutina non ten piedade.