As reservas dos encoros seguen caendo e sitúanse ata 15 puntos por baixo do 2016

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

LOLITA VÁZQUEZ

O total de auga embalsada na actualidade nesta demarcación é de 432 hectómetros cúbicos

20 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os encoros da conca hidrográfica Galicia Costa atópanse a un 63 % da súa capacidade, algo máis dun punto porcentual menos que a semana pasada, doce puntos por baixo se se compara coa mesma semana do 2016. O total de auga embalsada na actualidade nesta demarcación é de 432 hectómetros cúbicos.

O nivel de ocupación dos encoros da conca Miño- Sil é lixeiramente inferior á de Galicia Costa ao non chegar ao 60 % (59,1), o que supón algo menos dun punto se se compara coa semana pasada. Esta demarcación ten unhas reservas de auga de 1.788 hectómetros cúbicos, que son quince puntos porcentuais menos que hai un ano e oito menos que a media dos últimos dez anos. A situación xeral dos encoros do resto do país é sensiblemente peor ao estar por baixo do 45 % da súa capacidade, cando o normal é que haxa reservas de auga por amais do 60 % a estas alturas do ano.

Aínda así, a Xunta sempre mantivo que a pesar de que a comunidade se atopa en estado de prealerta por seca desde o pasado mes de xaneiro, a subministración de auga a poboacións que se abastecen a través de sistemas regulados está garantido. Un dos municipios que máis incrementou a auga desde o inicio do verán é Sanxenxo, ao converterse na terceira cidade galega en poboación nesta época. Tamén Vilalba é outro dos municipios que incrementou o gasto de auga.