Nove preguntas para os candidatos a liderar o PSdeG

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Á falla de 36 días para o remate da presentación de candidatos ás primarias, La Voz entrevista aos, por agora, tres aspirantes

01 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Á falla de 36 días para o remate da presentación de candidatos ás primarias, La Voz entrevista aos, por agora, tres aspirantes.

«Necesitamos unha dirección máis forte»

Óscar Vazquez

Gonzalo Caballero Míguez (Ponteareas, 1975) é economista e profesor de Economía Aplicada na UVigo:

1. Considérase candidato sanchista? Pedro Sánchez é o secretario xeral de todos os socialistas e é evidente que traballei de xeito conxunto no seu percorrido pola comunidade galega no pasado proceso de primarias. Pero para min a clave está na militancia, máis aló da posición que mantivese calquera no anterior proceso.

2. Pensa que podería chegar a fusionar a súa candidatura con outra? De momento, non hai candidatos. E o proceso formal será o próximo mes de setembro. Eu continuo coa miña folla de ruta para escoitar á militancia e a todas as agrupacións. Agora percibo unha boa sintonía coas bases, cos afiliados, pero o máis importante é que necesitamos unha dirección máis forte.

3. Está aberto a un debate cos outros aspirantes? Levo militando no PSOE dende hai xa décadas e son un participante activo en tódolos debates, ademais dun defensor deles. Estou aberto a debater con todos para acertar na folla de ruta que precisa este partido.

4. Considera que haberá máis candidatos? Non o sei. Por agora non hai candidatos oficiais, senón xente que mostrou o seu interese e anunciou a súa vontade de presentarse. O certo é que neste proceso a xestora determinou que para as primarias fan falta un 10 % de avais para poder concorrer, e iso, obviamente, vai limitar o número de aspirantes.

5. Que cree que ten que facer para rexenerar o PSdeG? Ter vocación para reconstruír o proxecto: optar polos nosos referentes e facer as nosas estratexias. Polo tanto é fundamental ter un coñecemento do partido e un claro compromiso co servizo do PSdeG ao interese xeral de Galicia.

6. Está disposto a pactar coas mareas nos concellos ou na Xunta se fora necesario? Temos que reconstruír o noso proxecto. E a partir de aí propoñer unha estratexia concreta. Ha de estar situado na esquerda, cun claro compoñente galeguista e aberto á sociedade. E para iso o protagonismo hai que darllo aos once mil socialistas galegos e non ás estratexias dos baróns, que xa fracasaron en diversas ocasións dende que perdemos a Xunta no 2009. Unha vez feito o proxecto, xa determinaremos as alianzas acordes coas nosas ideas.

7. Como cre que hai que recuperar o voto fuxido ás mareas? Coa vitoria de Pedro Sánchez o PSOE está a recuperar impulso electoral e conseguindo que volvan votantes. Nós temos que aproveitar ese vento a favor para colocar o PSdeG en sintonía co PSOE.

8. Que diría da situación actual do PSdeG? É un momento histórico importante porque nestas circunstancias, dende as últimas primarias nacionais, hai que facer ben os deberes de abaixo a arriba e acertar. Se o facemos ben, o socialismo galego impulsará unha maioría social de progreso para dar o relevo ao PP neste país.

9. Corre o partido o perigo de desaparecer?A batalla polo liderado do PSdeG. Non, en absoluto: os socialistas estamos nun escenario de recuperación electoral e somos unha organización clave do sistema democrático español.

«Preséntome sen tutelas nin etiquetas»

XOAN A. ADOITAR

Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) é economista e portavoz parlamentario do PSdeG no Hórreo:

1. Considérase candidato sanchista? Considérome un candidato que traballa dentro do Partido Socialista que lidera Pedro Sánchez, que foi a persoa que gañou o congreso de Madrid.

2. Pensa que podería chegar a fusionar a súa candidatura con outra? Estamos nun momento de empezar a dirixirnos aos militantes e, sobre todo, de escoitalos tamén a eles. O momento actual é precisamente ese: o de pulsar opinións e difundir a nosa mensaxe. Se quixera fusionar a miña candidatura neste momento pois o certo é que xa non me tería presentado a este proceso de primarias. Hai que ter en conta que acabamos de decidir presentarnos e ata setembro non se van formalizar as candidaturas.

3. Está aberto a un debate cos outros aspirantes? Por suposto. O debate debería ser case unha esixencia democrática. É unha forma de explicar mellor aos militantes como vemos o futuro do partido. E que eles se poidan facer unha composición de lugar.

4. Considera que haberá máis candidatos? A verdade é que non o sei porque non teño una bóla de cristal. O certo é que as condicións que puxo a xestora son as máis esixentes que pode haber dentro do que permiten os estatutos, cun dez por cento de avais. Con esas condicións, penso que é difícil que poida haber moitos máis candidatos, pero non o sei.

5. Que cree que ten que facer para rexenerar o PSdeG? O primeiro de todo é que temos que contar cun partido socialista forte e unido, e sobre todo que se abra á sociedade. Para iso precisamos un liderado orgánico firme, por iso digo sempre que me presento sen tutelas e etiquetas. Precisamente para tentar ser un referente de todo o partido. E en segundo lugar, o partido socialista ten que ter un liderado social porque sen liderado social o liderado orgánico está coxo. E estas son as dúas condicións para poder articular unha alternativa progresista ao PP, que é o que fai falta en Galicia.

6. Está disposto a pactar coas mareas nos concellos ou na Xunta se fora necesario? Establecería un diálogo con eles para buscar un programa común. Se conseguimos poñernos de acordo no que hai que facer si que pactaría. Esa é a condición básica. Poñernos de acordo no que hai que facer quere dicir que o núcleo fundamental do noso proxecto ten que estar nos programas de goberno.

7. Como cre que hai que recuperar o voto fuxido ás mareas? Xerando confianza. E iso significa atender as demandas da sociedade e darlle unha resposta dende a cultura e os valores do socialismo. E, en segundo lugar, as persoas que representen ao Partido Socialista han de ter a credibilidade necesaria para poder levar a cabo ese proxecto.

8. Que diría da situación actual do PSdeG? O PSdeG leva demasiado tempo nunha situación de interinidade e falta unha dirección política que sexa eficaz e unitaria. De momento, o único que funciona de xeito unitario en Galicia é o grupo parlamentario.

9. Corre o partido o perigo de desaparecer?A batalla polo liderado do PSdeG. Non parece que exista ese risco e dende logo, se somos capaces de darlles unha resposta nestas primarias e neste congreso aos retos deste tempo, temos un gran futuro por diante. 

«Temos que abrirnos máis á sociedade»

XOAN A. ADOITAR

Juan Manuel Díaz Villoslada (Ourense, 1965) é avogado e viceportavoz dos socialistas no Parlamento galego:

1. Considérase candidato sanchista? Sanchista dende unha acepción personalista non o son. Pero si na medida en que a vitoria de Pedro Sánchez significou un movemento de renovación e de apertura. Aí si me sinto identificado.

2. Pensa que podería chegar a fusionar a súa candidatura con outra? De saída, evidentemente, non teño ese pensamento. Veño de formular a miña candidatura e imos ver todo o percorrido que poder ter, que creo que vai ser moito. Non é momento de falar de estratexias de fusión porque non sería un sincero coa militancia se de saída ten esas perspectivas.

3. Está aberto a un debate cos outros aspirantes? Por suposto. É absolutamente necesario, non só cos candidatos, senón sobre todo coa militancia. É o mellor xeito que temos para trasladar as propostas aos que teñen que decidir o futuro do partido.

4. Considera que haberá máis candidatos? A verdade é que non teño noticias, e polo tanto non o espero. Se houbera algunha outra, benvida sexa porque é o momento de que as persoas que teñen ese ánimo de dirixir o PSdeG se poidan postular. O calendario está aberto e a primeiros de setembro son os días que hai que formular as precandidaturas para a posterior recollida de avais.

5. Que cree que ten que facer para rexenerar o PSdeG? Eu máis que de rexenerar falaría de abrir unha nova etapa, unha nova páxina, na que todos os socialistas galegos rememos xuntos, cun novo rumbo, e cunha necesaria e lóxica renovación, que é absolutamente necesaria en calquera organización e en calquera ser vivo. Hai que inxectar osíxeno: o zume das plantas necesita coller constantemente luz solar para manterse vivo e crecer. Eu creo que temos que falar dunha nova etapa, como está sucedendo no Partido Socialista liderado por Pedro Sánchez. Hai que xerar unha nova ilusión na militancia e na sociedade. Os valores do cambio liderado por Pedro Sánchez son a aposta que eu realmente faría, e que teñen o respaldo da militancia, que foi a que apostou por esa opción.

6. Está disposto a pactar coas mareas nos concellos ou na Xunta se fora necesario? Esta é unha cuestión importante en termos de estratexias electorais. O PSdeG ten un perfil propio, unha historia e un futuro propio, pero como teño dito noutras ocasións, os espazos que conflúen na esquerda teñen que chegar a acordos diante do PP.

7. Como cre que hai que recuperar o voto fuxido ás mareas? Hai que recuperar aos que marcharon as mareas e aos que ou quedaron na casa ou votaron outros partidos. Hai que xerar unha nova ilusión con propostas progresistas e ser coherentes para transmitir credibilidade.

8. Que diría da situación actual do PSdeG? O PSdeG está nunha situación de provisionalidade e iso será así até que non superemos as primarias e o congreso. Hai ilusión ante o cambio, pero temos que reorganizarnos e abrirnos máis á sociedade. Os problemas da xente non son os problemas orgánicos dos partidos.

9. Corre o partido o perigo de desaparecer?A batalla polo liderado do PSdeG. En absoluto. Máis ben está ante unha oportunidade de renovarse e volver a ser a forza progresista principal en Galicia.