«Temos que abrirnos máis á sociedade»

GALICIA

XOAN A. ADOITAR

Á falla de 36 días para o remate da presentación de candidatos ás primarias, La Voz entrevista aos, por agora, tres aspirantes

01 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Á falla de 36 días para o remate da presentación de candidatos ás primarias, La Voz entrevista aos, por agora, tres aspirantes.

Juan Manuel Díaz Villoslada (Ourense, 1965) é avogado e viceportavoz dos socialistas no Parlamento galego:

1. Considérase candidato sanchista? Sanchista dende unha acepción personalista non o son. Pero si na medida en que a vitoria de Pedro Sánchez significou un movemento de renovación e de apertura. Aí si me sinto identificado.

2. Pensa que podería chegar a fusionar a súa candidatura con outra? De saída, evidentemente, non teño ese pensamento. Veño de formular a miña candidatura e imos ver todo o percorrido que poder ter, que creo que vai ser moito. Non é momento de falar de estratexias de fusión porque non sería un sincero coa militancia se de saída ten esas perspectivas.

3. Está aberto a un debate cos outros aspirantes? Por suposto. É absolutamente necesario, non só cos candidatos, senón sobre todo coa militancia. É o mellor xeito que temos para trasladar as propostas aos que teñen que decidir o futuro do partido.

4. Considera que haberá máis candidatos? A verdade é que non teño noticias, e polo tanto non o espero. Se houbera algunha outra, benvida sexa porque é o momento de que as persoas que teñen ese ánimo de dirixir o PSdeG se poidan postular. O calendario está aberto e a primeiros de setembro son os días que hai que formular as precandidaturas para a posterior recollida de avais.

5. Que cree que ten que facer para rexenerar o PSdeG? Eu máis que de rexenerar falaría de abrir unha nova etapa, unha nova páxina, na que todos os socialistas galegos rememos xuntos, cun novo rumbo, e cunha necesaria e lóxica renovación, que é absolutamente necesaria en calquera organización e en calquera ser vivo. Hai que inxectar osíxeno: o zume das plantas necesita coller constantemente luz solar para manterse vivo e crecer. Eu creo que temos que falar dunha nova etapa, como está sucedendo no Partido Socialista liderado por Pedro Sánchez. Hai que xerar unha nova ilusión na militancia e na sociedade. Os valores do cambio liderado por Pedro Sánchez son a aposta que eu realmente faría, e que teñen o respaldo da militancia, que foi a que apostou por esa opción.

6. Está disposto a pactar coas mareas nos concellos ou na Xunta se fora necesario? Esta é unha cuestión importante en termos de estratexias electorais. O PSdeG ten un perfil propio, unha historia e un futuro propio, pero como teño dito noutras ocasións, os espazos que conflúen na esquerda teñen que chegar a acordos diante do PP.

7. Como cre que hai que recuperar o voto fuxido ás mareas? Hai que recuperar aos que marcharon as mareas e aos que ou quedaron na casa ou votaron outros partidos. Hai que xerar unha nova ilusión con propostas progresistas e ser coherentes para transmitir credibilidade.

8. Que diría da situación actual do PSdeG? O PSdeG está nunha situación de provisionalidade e iso será así até que non superemos as primarias e o congreso. Hai ilusión ante o cambio, pero temos que reorganizarnos e abrirnos máis á sociedade. Os problemas da xente non son os problemas orgánicos dos partidos.

9. Corre o partido o perigo de desaparecer?A batalla polo liderado do PSdeG. En absoluto. Máis ben está ante unha oportunidade de renovarse e volver a ser a forza progresista principal en Galicia.