O porqué meteorolóxico que converteu Galicia en Galifornia

Xavier Fonseca Blanco
xavier fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Xavier Fonseca

Temperaturas suaves, auga do mar frío e os bancos de néboa son algunhas coincidencias entre as dúas zonas xeográficas

15 jul 2017 . Actualizado ás 18:29 h.

Que Galicia non ten nada que envexar a ningunha zona do planeta é algo que sabemos moi ben os galegos. Aínda así, nos últimos anos, aproveitando o auxe das redes sociais, o imaxinario popular quixo deixalo ben claro. Naceu un novo concepto, Galifornia, que compara á nosa comunidade co lugar que historicamente asociamos cun paraíso, California. Cando alguén pensa no estado norteamericano non lle vén á cabeza o Val da Morte ou o deserto de Mojave, senón as súas praias. Unha, en concreto, Santa Mónica. É lóxico, desde 1989 ata o 2001 xeracións enteiras merendaban coa mítica serie Os vixiantes da praia que mostraba eses corpos tan perfectos de homes e mulleres sobre ese areal de ilusión e unhas augas moi apetecibles. Hoxe Galifornia é un termo con significado propio que adoita acompañar a unha fotografía de calquera paisaxe galega. Na rede social Instagram hai rexistradas máis de catrocentas miles etiquetas con ese nome.

Pero a asociación que creamos os galegos en realidade ten moito sentido. Tanto California como Galicia están situados xusto na costa oeste dos seus respectivos continentes e a meteoroloxía está condicionada polos anticiclóns oceánicos, que teñen exactamente o mesmo orixe. Tanto o dos Azores como o do Pacífico son sistemas de altas presións semipermanentes. Forman parte da circulación xeral da atmosfera, sempre están situados na mesma posición e soamente móvense cara ao norte e o sur dependendo da época do ano. Os anticiclóns aliméntanse de aire cálido, así que ascenden en latitude na primavera e verán, cando a radiación solar aumenta.

Ventos do norte

Ocorre, ademais, que no hemisferio boreal os anticiclóns viran a favor das agullas do reloxo, favorecendo que os ventos sopren de compoñente norte. Esa circulación do aire empurra as augas superficiais cara á plataforma oceánica. Para compensar o déficit, augas profundas emerxen cara á superficie. Este é un fenómeno que se chama afloramento e que se produce paradoxalmente nas costas que bañan aos desertos da Terra. O sistema de afloramento que afecta a Galicia percorre o

noroeste de África, atravesa Canarias, a costa de Portugal e remata na costa sur galega. O outro lugar do noso hemisferio onde existe é California.

O afloramento costeiro ten os seus proles e contras. Por exemplo, ao ser augas que afloran desde o fondo están moi frías. Poida que vendéronnos o baño nas praias californianas como unha experiencia inesquecible, pero se perdura na memoria será como un recordo non demasiado agradable. A temperatura da auga de cando en cando supera os 18 graos durante o verán, cifras similares ás que se rexistran nas praias das Rías Baixas. As augas xélidas do oeste da Península Ibérica e dos Estados Unidos contrastan coas cálidas da costa este de ambos os países. Nas praias Mediterráneo a temperatura do mar pode acadar os 27 graos e no estado de Florida, ata os 30 graos.

Con todo, en California e Galicia si é posible nadar nalgunhas das augas máis ricas do planeta, só comparables ás de Chile e Sudáfrica, as outras zonas do mundo onde se producen afloramentos. As augas frías que ascenden desde as profundidades chegan cargadas de nutrientes e convértense nun reclamo para unha gran variedade de moluscos, crustáceos e peces, como a sardiña. Así, na nosa comunidade compensamos o mar xélido cunha deliciosa mariscada.

Galicia e California tamén contan con algunhas infraestruturas emblemáticas que se converteron en símbolos, a ponte de San Francisco e o de Rande. Moitas veces son engulidos por un espeso manto de néboa que deixa unha estampa espectacular. A orixe deste tipo de nube baixa tamén é igual e chámase néboa de advección.