Galicia evita a onda de calor, aínda que o tempo seco e asollado instálase desde mañá

S. a. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

MARTINA MISER

As temperaturas máximas soben lixeiramente, sobre todo, no sur e o leste da comunidade

11 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O aviso especial activado por Aemet pola onda de calor que sufrirán Andalucía, o sur de Estremadura e Castela-A Mancha non se vai a lanzar en Galicia. As temperaturas serán altas e a sensación será moi agradable, mesmo de calor no sur da comunidade, pero os valores estarán lonxe de acadar os destas comunidades, onde se activou aviso amarelo e laranxa por máximas moi altas.

Hoxe aínda pode haber nubes baixas no litoral da Coruña, que se irán estendendo cara ao leste co avance do día. As máximas manteranse entre os 21 e os 22 graos na Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo, mentres que se agardan 24 graos en Pontevedra, 26 en Lugo e 30 en Ourense. Non se descartan choivas débiles pola noite no litoral da Coruña, segundo informa Meteogalicia.

O anticiclón comeza a situarse mañá ao oeste da Península e entrará en forma de cuña en Galicia. Agárdanse ceos pouco nubrados e despexados en xeral, aínda que pode haber intervalos de nubes baixas nas primeiras e últimas horas do día no terzo norte. As máximas soben lixeiramente, sobre todo, no sur e o leste da comunidade.

O xoves comezan a consolidarse as altas presións e os ceos estarán despexados en xeral. As máximas experimentarán tamén un lixeiro ascenso no sur, onde se superarán os 30 graos: «O tempo seco e asollado manterase polo menos ata o domingo. O anticiclón quedará tamén a fin de semana e a sensación será moi agradable, con temperaturas altas. Haberá moi ben tempo, pero non se agarda unha onda de calor», dixo Ana Lage, de Meteogalicia.