Dana por morta mentres espera unha axuda

Unha dependente de 90 anos segue sen servizo domiciliario e o seu caso foi arquivado por falecemento

.

vilagarcía / a voz

Pilar Varela Pazos, unha veciña de Cambados de noventa anos e con dependencia de grao dous, pon rostro a un problema que sofren moitas persoas en Galicia: as axudas sociais, cando existen, tardan demasiado. No seu caso vai para tres anos, e segue esperando. E, como di o refrán, quen espera, desespera. Á súa filla Pilar Betanzos saltábanlle onte as bágoas ás portas do Concello cambadés. «A miña nai está encamada e seguen pedíndome papeis. Os políticos falan moito pero para as cousas importantes non hai cartos». A esa hora acababa de celebrarse un acto institucional diante do consistorio, e Pilar deu renda solta ás súas frustracións ante un veciño cómplice.

Está cansada de visitar oficinas e cubrir instancias para conseguir o servizo de axuda a domicilio para a súa nai, e o calvario agravouse a finais do ano pasado cando lle chegou unha carta da Xunta comunicándolle o arquivo do expediente en cuestión por falecemento da súa proxenitora. «Dixeron que morrera e tiven que ir a buscar unha fe de vida ao xulgado. E agora dinme que falta documentación e que teño que mandar unha fotocopia compulsada do DNI». A súa nai nunca deixou de cobrar a pensión, «e teño que ser eu a que demostre que segue viva».

Segundo informan desde Servizos Sociais de Cambados, á anciá concedéuselle finalmente a atención domiciliaria e atópase en lista de espera, pero descoñécese cando lle chegará a súa quenda porque os prazos fluctúan en función das baixas de usuarios que se producen en cada momento. Namentres, Pilar Varela deberá seguir arranxándollas pola súa conta, gastando a súa pensión de 646 euros en pagar a unha muller que lle dá para comer e aténdea pola noite, que lle custa 700 euros ao mes. «Pero pola tarde está soa e miña nai necesita unha persoa sempre con ela. Eu teño que traballar».

Con todo, a súa filla busca tempo para, como fixo onte, levala ao Hospital do Salnés, porque cun edema pulmonar, un marcapasos e outras complicacións de saúde a anciá precisa atención hospitalaria a miúdo. O ano pasado, a Xunta revisou o grao de dependencia desta cambadesa e pasou do un (o máis leve) ao dous, pero por diante dela hai outras persoas con grao tres, o cal lles dá prioridade á hora de acceder aos servizos de atención domiciliaria subvencionados.

Votación
11 votos
Comentarios

Dana por morta mentres espera unha axuda