Feijoo a Audasa: «Debe cumprir os seus deberes antes de reclamar dereitos»

Asume unha subida «importante» de peaxes que comprometeu o Goberno socialista

AUDASAH

santiago / a voz

«O primeiro que ten que facer una concesionaria antes de reclamar os seus dereitos é cumprir os seus deberes». É a opinión do Goberno galego sobre a subida de peaxes que pretende impor Audasa aos usuarios da autoestrada AP-9 en xaneiro do 2018, e así a transmitiu o presidente da Xunta ao termo da reunión semanal do seu equipo. Comprende Alberto Núñez Feijoo que a empresa asinou un acordo -no 2011 co Goberno en funcións de Rodríguez Zapatero - para asumir o montante das obras a cambio de poder repercutir o financiamento sobre os usuarios, subindo a peaxe un 1 % ademais doutras cargas sobrevindas como o IPC ou a recuperación da bonificación de tarifas entre Pontevedra e Vigo. «¿O incremento vai ser importante? Si. ¿Sabiamolo dende hai oito ou nove anos? Si», reflexionou o xefe do Executivo galego antes de reclamar «menos demagoxia» á hora de responsabilizar a un partido político -en referencia ao PP- «que non pactou» a fórmula para acometer as ampliacións viarias.

Feijoo interpreta que o ministro de Fomento ten a obrigación de asumir un acordo asinado «que non entende de cores políticas», pero tamén reprocha a Audasa as présas por empezar a cobrar cando aínda non finalizou as obras comprometidas, en esencia na ponte de Rande -onde se produciron importantes retencións esta semana Santa- e en Santiago. Esperar, logo, «é o razoable» para o presidente, sobre todo porque, máis que os atascos, na Xunta preocupan os problemas de seguridade que se poidan derivar das actuacións nalgúns tramos, cuestión que tamén se trasladará ao Ministerio de Fomento xunto á petición de que se atrase o cobro na parte que se refire ao diñeiro adiantado por Audasa.

O presidente Feijoo eludiu valorar si a transferencia da AP-9 a Galicia, que se retomou no Parlamento autonómico esta semana, servirá para que a Xunta amplíe a súá marxe de manobra á hora de apertar a unha concesionaria que leva un de cada tres euros de beneficio en cada peaxe e que, ademais, deixou millóns de euros nas arcas do Estado en forma de impostos. Diñeiro que, con todo, non reverteu en investimentos no viario, que agora van manter os usuarios.

O PSdeG: que pague Fomento

A decisión de afrontar o custo das obras a través das subidas de peaxe que irán para as arcas da concesionaria asinouna o exministro José Blanco días antes de deixar o Goberno e tras ter perdido as eleccións ante Rajoy. O portavoz dos socialistas galegos, Xoaquín Fernández Leiceaga, enmarca esa decisión nun exercicio, o 2011, de «tremendas dificultades» para Fomento. Con todo, os socialistas galegos defenden agora que, en diante, sexa o Ministerio o que retome a capacidade investidora no viario. «A situación é diferente agora», asegura Leiceaga, quen confía en que se poida discutir a «excepcionalidade» desta concesión no pleno de maio no que se vai aprobar o texto da transferencia. A pesar das diferenzas de matiz, os catro grupos acordaron axilizar o documento para trasladalo canto antes ao Congreso.

A comisión para seguir a execución das contas ábrese a máis de catro conselleiros

O Goberno abordou onte a anunciada creación do comité de seguimento da execución dos orzamentos do Estado. Na reunión fíxose forte o argumentario de que as contas son boas para Galicia porque se converte na segunda comunidade si tense en conta o investimento por cidadán. Con todo, Feijoo admite que o montante de 900 millóns adxudicado é só «un punto de partida» que si se executa ao completo suporá unha inxección dun 50 % máis respecto do executado o ano pasado.

Na comisión, que é compatible coas reunións trimestrais co ministro de Fomento para seguir as obras do AVE , participarán en principio catro conselleiros: o vicepresidente e os titulares de Facenda, Medio Ambiente e Infraestruturas. Con todo, puntualizou o presidente, estará aberta a outros membros do seu Goberno cando estean en xogo partidas que afecten os seus departamentos, xa que aínda que o AVE é a clave do «alto» nivel de investimento do Estado (500 millóns), tamén hai máis de 400 millóns destinados a outras infraestruturas viarias e actuacións que merecen «estar atentos para que todo avance». Feijoo garantiu na mesma comparecencia que a execución da variante Ourense-Taboadela do AVE non freará o acceso urbano á capital.

Os municipios da Coruña denunciarán en Europa a falta de pagamento do IBI pola AP-9

Os concellos da provincia da Coruña polos que atravesa a AP-9 reclaman á concesionaria o pagamento da totalidade do IBI da autoestrada, que está exenta de abonar o 95 % deste imposto. Alcaldes e concelleiros dos 22 municipios reuníronse na casa consistorial de Abegondo para analizar as canles a seguir asesorados por un avogado experto na materia. Ao encontro non puideron asistir representantes da Coruña, Santiago, Fene, Narón, Mesía, Padrón e Neda.

Tras dúas horas de reunión, a proposta para lograr a eliminación da exención consistirá en denunciar ante a Comisión Europea mediante un recurso de incumprimento, xa que España non corrixiu a súa actuación. Nunha primeira fase revisaríase a valoración catastral da autoestrada en cada municipio, que se estima pode ser errónea en moitos casos, e nunha segunda fase iniciaríase a reclamación administrativa en Europa.

Cinco millóns ao ano

A consultora calcula que en conxunto os municipios da provincia deberían cobrar máis de cinco millóns de euros ao ano, cando na actualidade se está cobrando só o 5 % desa cifra. Ademais, neste tipo de reclamacións en Europa é habitual aplicar unha retroactividad de dez anos o que, de prosperar, suporía un desembolso de 50 millóns de euros a repartir entre Abegondo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Betanzos, Ordes, Oroso, Ames, Teo, Ferrol, Cabanas, Pontedeume, Paderne, Bergondo e Miño, ademais dos xa citados.

Por exemplo, no caso de Abegondo, o seu alcalde sinalou que dos 29.700 euros anuais que lle reporta Audasa en concepto de IBI o seu concello pasaría a cobrar case 600.000 euros.

Votacin
3 votos
Comentarios

Feijoo a Audasa: «Debe cumprir os seus deberes antes de reclamar dereitos»