Podemos traslada a súa guerra interna a Galicia

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

O sector errejonista intenta socavar o poder de Carmen Santos para tomar o control do partido na comunidade

11 dic 2016 . Actualizado ás 21:47 h.

A politóloga Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos Galicia, é desde o pasado mes de abril a principal referente orgánica do seu partido en Galicia, elixida ademais polas bases, pero non tardou en descubrir, como lle ocorreu antes ao seu antecesor no cargo, Breogán Rioboo, que iso non é garantía de nada.

Ao día seguinte de vencer nas primarias á errejonista Ángela Rodríguez, a posición de Santos empezou a ser socavada nalgúns chats internos polos mesmos que malgastaran tanta sensibilidade cara á súa discapacidade física como para tachala de «puta colla». E aínda non cumprira catro meses no cargo cando José García Buitrón, entón aínda senador, solicitou formalmente a dimisión da súa secretaria xeral polas condicións impostas para confluír con En Marea nas eleccións galegas do pasado setembro.

Pouco tardou Podemos en parecerse aos demais partidos e en calcar a dinámica das loitas intestinas para facerse co control interno da organización co propósito de influír na composición das candidaturas electorais, as finanzas ou decidir quen han de ser as persoas liberadas con soldo.

Esa pelexa por xestionar os haberes e os postos, que con máis ou menos intensidade está presente nos grandes partidos, viuse agravada en Podemos coa translación a Galicia da guerra que dirimen desde hai meses os chamados pablistas e errejonistas, aliñados, segundo sexa o caso, coas teses máis extremistas defendidas por Pablo Iglesias ou as máis populistas e transversais que propugna Íñigo Errejón para chegar ao poder.

Como no seu día ocorreu cos guerristas e renovadores, no PSOE, ou coas boinas e birretes, no PP galego, o partido que se propuña tomar o ceo por asalto acabou sucumbindo á dinámica dos bandos, obrigando aos seus principais referentes a tomar posicións ante a asemblea Vista Alegre II, que terá lugar o próximo febreiro.

Os dous bandos

Dá a impresión de que Carmen Santos, persoa que mantén unha gran sintonía con Carolina Bescansa, pero que tamén cultiva a complicidade con Pablo Iglesias e, en menor medida, con Errejón , intentou vivir allea á guerra de bandos, pero os acontecementos estana obrigando a tomar partido para non sucumbir ante os que intentan forzar a súa dimisión.

Aínda que o respaldo a esta politóloga e funcionaria do CSIC é maioritario entre as bases de Podemos Galicia, o certo é que boa parte da representación institucional dos podemitas galegos está en mans de persoas afíns a Errejón e ao ex secretario de Organización, Sergio Pascual, que intentan derrubala do posto.

É o caso, por exemplo, do seu rival das primarias, Ángela Rodríguez, deputada no Congreso, ou do deputado autonómico Marcos Cal, que asinaron o manifesto Recuperar a ilusión, promovido por Errejón . O mesmo fixeron membros da dirección galega de Podemos como Sánchez Lombardero, María Moar, Iria López, María José Bóveda ou Alfonso Víctor Ferreiro.

Nin sequera entre os sete deputado que Podemos ten no Parlamento galego, integrados todos eles no grupo de En Marea, está asegurada a maioría de Carmen Santos. Ao seu lado ten a Juan Merlo, secretario de Organización do partido, e á socióloga Magdalena Barahona, avalada no seu día por Santos como potencial candidata á Xunta. Pero a maioría cae do outro, cos nomes de Marcos Cal, Pancho Casal, Luca Chao e Paula Quinteiro situados tan á contra que a punto estiveron de abortar a posibilidade de que Carmen Santos se convertese en viceportavoz de En Marea, algo que finalmente foi posible porque tanto Anova como Esquerda Unida saíron ao seu rescate.

O debate sobre a estratexia política a seguir por Podemos para conquistar o poder, que divide a pablistas e errejonistas a nivel de todo o Estado, está aderezado en Galicia con algúns ingredientes máis domésticos que rozan o plano persoal. O sector máis errejonista está empeñado en manter a presión para derrubar a Santos. Nalgúns medios do partido especulan xa cunha dimisión en bloque de parte do equipo de dirección para obrigala a presentar a dimisión antes do consello cidadán do próximo día 21. Pero descoñecen a pasta da que parece estar feita Carmen Santos que, como Breogán Rioboo, aguantará ata onde faga falta.