O móbil de Diana Quer revela que chegou á altura de Taragoña pola autovía

J. ROMEU / J. M. JAMARDO RIBEIRA / LA VOZ

GALICIA

La ubicación del móvil
La Voz

Veciños da familia na Pobra confirman que a nai deixaba soas ás súas fillas

01 oct 2016 . Actualizado ás 09:44 h.

O móbil de Diana Quer deixou de emitir sinais ao redor das catro da madrugada do pasado 22 de agosto. Un dos poucos avances contrastados que transcenderon da investigación sitúa a localización do teléfono móbil da moza madrileña en Taragoña, parroquia de Rianxo (a 20 quilómetros da Pobra, lugar no que veraneaba e foi vista por última vez). Desde entón, parte dos traballos de procura a pé de campo concentráronse na contorna da enseada que hai en Taragoña, e que está atravesada pola autovía de Barbanza (AG-11) a través dun viaduto. O que teñen confirmado os investigadores é que o sinal captado polos repetidores máis próximos sitúan o móbil da desaparecida accedendo á altura de Taragoña a través do citado viaduto.

Os repetidores de telefonía móbil captan os sinais a través de células que teñen un radio de acción circular e que perciben con precisión o punto cardinal no que se atopa o móbil, que neste caso confirma que pasou pola autovía de Barbanza en Taragoña. Unha vez alí perdeuse o sinal e está a resultar imposible saber se chegou a Padrón ou se desviou na citada parroquia rianxeira, algo que os investigadores sospeitan. Iso explica o despregamento de axentes que inspeccionan a enseada e os serradoiros abandonados da zona. As conclusións acadadas pola Garda Civil grazas á precisión tecnolóxica fan que perda peso a posibilidade de que Diana Quer abandonase A Pobra por mar, o que si se investigou ata non hai tantos días.

A familia Quer López-Pinel chegou a Barbanza fai uns quince anos. Durante unha viaxe por Galicia recalou en A Pobra , onde comprou unha vivenda estival nunha urbanización situada no privilexiado lugar de Cabío. Na edificación hai dezaseis vivendas, das que catro están ocupadas todo o ano. O resto son de turistas que as usan en períodos vacacionais.

Problemas veciñais

Os Quer López apenas se relacionaban co resto de veciños e pasaban practicamente desapercibidos. Con todo, o divorcio do matrimonio complicou a convivencia no lugar, xa que as discusións no interior da casa transcendían ao exterior con berros e disputas nas que, segundo algúns veciños, estaba sempre implicada a nai. A relación coa comunidade de veciños tampouco era boa. Juan Carlos Quer só acudiu a unha reunión, e a súa exesposa denunciou á comunidade no xulgado.

Este verán foi especialmente convulso. Un dos veciños tivo que facerse cargo de Valeria en dúas ocasións, e nunha delas, segundo parece, para ir buscala ao hospital. O divorcio da parella foi traumático para a familia. A nai pasou por un mal momento e na veciñanza déronse conta de que non atendía ás súas dúas fillas como debía. Nalgunha ocasión «quedaban solas e chamaban a algún veciño para que foran xunta delas», relata unha testemuña. Mentres, Diana López saía de noite e deixábaas en casa cando aínda eran máis pequenas, segundo apuntan outros veciños. Sobre a desaparecida, outro residente explica que estaba en casa case todo o día, en parte, por non haber xente da súa idade na urbanización.

A nai agradece a colaboración do Concello da Pobra e apoia a súa postura

O alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, sinalou onte en Radio Voz Barbanza que está a recibir numerosas chamadas de queixa polo programa emitido o martes pola cadea Catro en relación coa desaparición de Diana Quer, e no que se afirmaba que a localidade era o centro do narcotráfico galego. Unha das persoas que mostrou o seu apoio é a nai da desaparecida, Diana López, que agradeceu tamén a colaboración prestada na procura. Ribeira xa difundiu un manifesto mostrando o seu malestar absoluto, e outros municipios, como Rianxo e Boiro, coincidindo cos seus plenos, aprobaron novas declaracións institucionais de rexeitamento, á vez que reclamaron rectificacións. A patronal comarcal tamén apoiou o posicionamento, igual que a comisión de festas da Guadalupe de Rianxo por alusións a esta celebración.