O deputado de En Marea Fernán Vello chama aos galegos «pobo ignorante» tras os resultados das autonómicas

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

«Escravos que votan ao amo, ao cacique, ao que manda, aos de sempre. Pobo alienado», publicou en en un chío posteriormente borrado

28 sep 2016 . Actualizado ás 10:16 h.

O deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello considera que o pobo galego é «ignorante» debido aos resultados que ditaron as urnas nos pasados comicios autonómicos, nos que Feijoo revalidou a súa terceira maioría absoluta.

«Estraño pobo o noso. Escravos que votan ao amo, ao cacique, ao que manda, aos de sempre. Pobo alienado e ignorante. Triste». Esta foi a súa reflexión pública durante esta madrugada do luns ao martes, compartida a través das redes sociais ao redor das 03.00 da madrugada.

Fernán Vello, que esta lexislatura repite como deputado en Madrid, presentouse de cabeza de lista de En Marea (a coalición electoral formada por Anova, Esquerda Unida e Podemos) por Lugo. Foi elixido recentemente nas urnas para representar ao electorado galego.

Consciente do seu metedura de pata, o tamén escritor e editor decidiu borrar a súa publicación unhas horas máis tarde, pedindo desculpas. «Rectificar é preciso. En 'quente' podemos expresar ideas desacertadas.O pobo falou e ten todo o meu respecto. As miñas desculpas se ofendín».

A moitos dos internautas non lles pareceu suficiente, e esixiron a súa dimisión inmediata. Outros optaron pola retranca: «Mira se é ignorante que te ten a ti de representante».

«Ridículo» escándalo por un chío «desafortunado»

Máis tarde, en declaracións a Europa Press, Fernán Vello considerou «ridículo» que o PP, onde «hai unha putrefacción xeral en non dimite ninguén», teña reclamado que deixe o seu escano por un chío «desafortunado» que xa retirou e polo que xa pediu desculpas.

O deputado de En Marea fixo fincapé en que xa rectificou, confesou que escribiu o chío «nun momento de visceralidade» tras os resultados das eleccións e que «en absoluto» estaba no seu ánimo «faltar ao respeto a ningunha formación política nin ao pobo galego» do que forma parte.

Ademais, denunciou que desde certos sectores do PP galego orquestrouse unha campaña de «persecución» contra a súa persoa. Nos últimos meses, lembrou, publicáronse fotografías nun aeroporto para reprocharlle que viaxe en primeira clase con diñeiro público, cando, argumenta, as imaxes foron tomadas cando aínda non tiña escano.

«Franquismo sociolóxico»

Unha reacción similar manifestou a número dúas das listas de Podemos por Zaragoza, a veterana xornalista Rosa María Artal. A mesma noite do escrutinio publicou outro polémico chío falando do «franquismo sociolóxico» que hai en Galicia. 

Villares non cre que deba dimitir, aínda que ve a mensaxe «moi desafortunado»

O candidato de En Marea, Luís Villares , reaccionou a última hora da tarde e dixo que Fernán Vello estivera «moi desafortunado», pero non cre que deba dimitir porque xa rectificou: «O pobo cando vota nunca se equivoca», resolveu.

O PP pide explicacións máis serias ou que se vaia

A portavoz adxunta do Grupo Popular no Congreso e deputada pola Coruña, Marta González, esixiu a Fernán Vello que dea «explicacións e desculpas serias e contundentes» e, se non, que presente a súa dimisión e deixe a súa acta.

A parlamentaria fixo esta valoración despois de saber que o seu colega nas Cortes retirara o chío da súa conta e que escribira unha «semidisculpa». No entanto, considera que as súas palabras «non son suficientes», ao ter ofendido gravemente ao pobo galego», manifestou González xunto a outros deputados galegos do PP nos corredores do Congreso. Por iso, a portavoz defendeu que «se non dá unhas desculpas serias e contundentes non está capacitado para exercer a representación que lle deron os votos» e, xa que logo, debería dimitir.