Polémica en Podemos por un vello insulto de Ángela Rodríguez a Carmen Santos

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Pablo Carballo

Nun chat do 2015, a deputada de En Marea chamou «puta colla» á actual secretaria xeral de Podemos en Galicia. Hai uns días, correspondencia interna da formación morada aínda se facía eco do incidente

25 ago 2016 . Actualizado ás 20:17 h.

Un vello enfrontamento entre dúas das caras máis visibles de Podemos en Galicia resucitou nas últimas horas. A deputada en Madrid de En Marea Ángela Rodríguez referiuse á actual secretaria xeral da formación morada en Galicia, Carmen Santos, como «puta colla» nun chat interno de Podemos. Fíxoo en setembro do 2015, meses antes de enfrontarse nunhas primarias polo liderado do partido na comunidade, e nun contexto no que Ángela Rodríguez expón a varios dos seus compañeiros de Organización e Igualdade as interrupcións que sufriu a cargo de xente próxima a Santos cando expuña as súas teses feministas nun coloquio con simpatizantes. Unhas interrupcións ás que seguiron preguntas desafiantes «a pillar». A deputada de En Marea define o ambiente como «asqueroso», ao que contribuíu a presenza de «a puta colla ao fondo». 

A historia volveu cobrar forza este verán. Fai un par de semanas circulou por canles internas da organización un comunicado dun sector afín a Santos no que se pedía a dimisión de Ángela Rodríguez por . . «coherencia cos nosos principios e o noso código ético»

Este mércores, o dixital OK Diario recolle as opinións de varios representantes de colectivos de discapacitados. Javier Font, presidente da Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica de Madrid, tacha as palabras de «despreciables e deplorables» e esixe a dimisión de Ángela Rodríguez. No mesmo sentido vai Ramón Sestayo Lestón, vicepresidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), que mostra a súa indignación porque «unha representante política que aspira a chegar ao poder utilice a condición doutra persoa, neste caso, a súa mobilidade reducida, para atacala e insultala». 

As eleccións para escoller secretaria xeral en Podemos Galicia en abril deixaron feridas abertas que non se pecharon nin durante a campaña das xerais de xuño, na que coincidiron en diferentes actos de En Marea. Desde entón a deputada por Pontevedra fixo piña co seu colega do Congreso pola Coruña Antón Gómez-Reino, e ambos foron os principais promotores das candidaturas de En Confluencia Podemos que apostaban pola integración total en En Marea como partido instrumental. Desde dentro, os sectores críticos interpretaron esta posición como un intento de diluír un partido que non foron capaces de controlar nas votacións de abril, que gañou por sorpresa Carmen Santos