Manuel Prieto: «Coincidimos coas vítimas en que deben determinarse todas as causas do accidente»

M. S. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

BENITO ORDÓÑEZ

O avogado do maquinista que conducía o Alvia analiza as implicacións do informe da Axencia Ferroviaria Europea e da decisión da Audiencia da Coruña de reabrir a instrución

24 jul 2016 . Actualizado ás 13:08 h.

Manuel Prieto é o avogado do maquinista que conducía o Alvia que descarrilou en Angrois, a día de hoxe o único investigado no caso. A decisión da Audiencia da Coruña de ordenar que se reabra a instrución e o informe da Axencia Ferroviaria Europea no que cuestiona o informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios deron un envorco ao caso.

-Como está Francisco José Garzón, o maquinista, e como recibiu estas novidades?

-Bo, pois aí segue, cos seus altibaixos. Estas datas non son boas, e non lle vén ben lembrar moito. En canto a esas novidades, son cousas moi técnicas nas que el prefire non profundar moito. Evidentemente si ten transcendencia desde o punto de vista xudicial, e efectivamente pode afectar á súa situación, diso somos consciente todos.

-Ven na resolución da Audiencia e no informe da Axencia Ferroviaria Europea unha lombeirada aos seus argumentos?

-Si, sobre todo porque tanto o auto da Audiencia Provincial como o informe da Axencia Ferroviaria Europea veñen confirmar o que nós vimos sostendo de que hai moitas cuestións que están pendentes de facer unha análise profundo e non se pode quedar todo nun descoido, un lapsus, un erro humano como causa do accidente. Había unha carencia de medidas de seguridade absoluta.

-Como está agora mesmo o procedemento xudicial?

-De momento levamos dous meses sen noticias. Nós creemos que debe ser o xulgado o que determine o que vai facer. Se as dilixencias que nós pensamos que se deben realizar o xulgado acólleas en por si pois non teremos que pedilas, se non si que as teremos que pedir. Pero estamos á espera do que decida o xulgado, a ver que dilixencias pretende adoptar e as que consideremos que se deben realizar e non o acorde pedirémola de novo.

-Pedirán máis imputacións?

-Nós non pedimos a imputación de ninguén. Pedírono outras partes. Nós o que estamos a pedir é que se determinen todas as causas que deron lugar ao accidente, e determinadas todas as causas, que se determine de quen é a responsabilidade de cada unha delas. Non só a causa inmediata, senón que detrás do accidente hai unhas causas subxacentes que, segundo a propia Axencia Ferroviaria Europea, son as causas esenciais do accidente.

-Cre que as medidas de seguridade que se tomaron tras o accidente son suficientes?

-Non nos parece suficientes, pero evidentemente a situación non é a mesma agora que a que había no momento do accidente.

-Nunha ocasión dixo que o feito de que as vítimas non fosen contra o maquinista aliviaba un pouco a súa situación, como valoran a actitude das vítimas?

-Nós non temos ningún dereito a determinar cal debe ser a actuación das vítimas. Teñen o noso máximo respecto De feito temos unha relación fluída porque ambos coincidimos en que deben determinarse todas as causas do accidente.