«Ou ruído é insoportable, cando vén ou aire nin tele, nin teléfono, nin nada»

GALICIA

ROI FERNANDEZ

Familias que viven preto de parques eólicos aguantan a diario o forte zumbido dos aeroxeradores

31 ene 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Cándido Areán, de 54 anos, vive coa súa muller e o seu fillo nunha casa na parroquia de San Vicente de Argozón, lugar de Freán, en Chantada. Ao seu redor hai cinco vivendas máis e a un quilómetro escaso un parque eólico. Desde fai máis de dez anos, tiveron que aprender a convivir cos muíños xigantes de Monte Faro. «O ruído é unha salvajada, cando vén o aire, nin televisión nin teléfono nin nada», explica.

Dentro das áreas de potencial eólico da comunidade, incluídas no plan eólico galego, sitúanse máis de 1.900 núcleos de poboación. Algunhas casas atópanse a un ou máis quilómetros de distancia dos parques, pero outras, como as situadas na aldea do Roncudo, en Corme, onde no principio do ano se desprenderon dúas aspas xigantes, teñen a só uns metros os enormes muíños.

Na parroquia do municipio lucense onde vive Cándido Areán, hai máis familias, e tamén persoas que residen soas. Por iso, o medo aos aeroxeradores e aos accidentes que se poidan derivar do seu funcionamento está moi presente nas súas vidas, sobre todo, cando escoitan casos como o ocorrido en Corme. En Monte Faro «rompeu unha aspa hai tempo», aínda que esta quedou no monte e non chegou ao nucleo de vivendas «pero notamos un ruído moi forte».

Funcionan a diario

Os aeroxeradores funcionan practicamente a diario, aínda que cando máis os notan é polas mañás e cando hai néboa. Cándido Areán sinala que coas aspas movéndose, ademais do ruído, sofren outros problemas como perder o sinal da televisión ou quedar sen cobertura no teléfono. «Sen embargo, cando non funcionan todo vai perfectou», destaca o veciño Aínda así, di resignado, «agora que lle imos facer, non os van a sacar, non?».

Sara Rodríguez Miñones, de 55 anos, vive xunto a dous irmáns na parroquia de Salto, en Vimianzo. «Somos dúas casas», explica, «logo máis abaixo hai máis». Máis arriba, cara ao monte, están desde fai máis de dez anos os muíños do parque eólico do Barrigoso, de titularidade municipal. Esta veciña confesa que «ou zumbido» dos aeroxeradores xa forma parte do son ambiente da zona: «Xa estás afeito despois de tantos anos».

Dentro da casa, apenas o notan, é no exterior onde máis escoitan o ruído dos muíños de vento. «En inverno ao estar máis dentro da casa, daste conta menos que en verán», di Sara.

Confesa que non ten medo a que se desprendan aspas ou un accidente similar, «a verdade é que non, non pensamos niso».

O parque municipal do Barrigoso foi o primeiro de titularidade municipal en pórse en marcha en Galicia. O alcalde de entón quedou tan encantado co primeiro parque de Vimianzo, que se xestou no 96 aínda que se inaugurou seis anos despois, que decidiu impulsar un local.

Sara Rodríguez, do mesmo xeito que outras familias que viven preto de aeroxeradores, sofre problemas no sinal de televisión e na cobertura dos móbiles, «aínda que non lle sei se é polo parque eólico ou por que».

A 60 metros

En Corme, o medo a que se repita o episodio de principios de mes está moi presente entre os veciños, que viven moi preto dos aeroxeradores. Mesmo, algunhas casas están a apenas 60 metros. Sinalan que era algo que se vía vir. O ruído levou a algúns veciños do Roncudo a deixar a súa casa, como contou María Luisa Alonso, aínda que tivo que regresar finalmente.

O plan eólico galego do 2002 fixou en 500 metros a distancia mínima a unha casa

O plan eólico galego, que foi aprobado no ano 2002, establece que a distancia dos aeroxeradores á vivenda máis próxima debe ser de polo menos 500 metros. Neste documento especifícase que, aínda que a 200 metros non se producen xa molestias de ruído», as instalacións eólicas deben distar polo menos medio quilómetro das «delimitacións de chan de núcleo rural, urbano ou urbanizable sectorializado».

Con todo, moitos dos parques eólicos galegos son anteriores a esa data, por iso en moitos deles non se cumpre esa distancia mínima.

É máis, a maioría das instalacións da comunidade galega, en torno ao 70 %, son anteriores ao 2004 e, polo tanto, pasaron xa os doce anos de antigüidade. Moitos deles instaláronse, mesmo, antes do ano 2000.

Un estudo compara o ruído do aeroxerador a 200 metros co dunha oficina

Aínda que o ruído é a principal queixa dos veciños que viven preto de aeroxeradores, os estudos realizados ata o momento revelan que o seu impacto acústico é menor. No plan eólico galego inclúense datos sobre o ruído que pode emitir un muíño de vento segundo a distancia. O documento establece que a unha distancia de 200 metros un aeroxerador produce un nivel duns 46 decibeis, comparables ao son ambiente dunha oficina ou unha biblioteca. Por iso, detállase que a distancia mínima de 500 metros é máis que suficiente para frear o impacto acústico dos parques.

A 400 metros establécese que o ruído que chega do aeroxerador é comparable co dunha neveira. Preto do muíño é onde máis elevado é o nivel de decibeis, chegando a parecerse a unha aspiradora, e mesmo maior. Con todo, as queixas polo elevado ruído dos aeroxeradores é unha constante, e é a principal molestia dos usuarios.