A Coruña non se libra do oleoduto

Eduardo Eiroa Millares
eduardo eiroa A Coruña / LA VOZ

GALICIA

GUSTAVO RIVAS

O traslado de Repsol ao porto exterior non acabará coa condución ata San Diego

16 oct 2013 . Actualizado ás 09:48 h.

O convenio asinado o luns entre Repsol e a Autoridade Portuaria da Coruña para o traslado das instalacións da petroleira desde os peiraos de San Diego, na cidade, aos do porto exterior, en punta Langosteira, non inclúe o peche do oleoduto -ou máis exactamente, poliducto, xa que transporta en paralelo diferentes produtos-, que seguirá funcionando máis aló de abril do 2018, data máxima fixada para a mudanza.

O pacto acadado suporá á empresa percibir unha indemnización de case 25 millóns de euros que o Porto abonará ao longo de 15 anos. A cifra servirá para que a multinacional deixe libre antes do fin da concesión -no ano 2027- unha superficie próxima aos 26.000 metros cadrados en San Diego.

Ese espazo supón algo máis da cuarta parte do chan que actualmente ocupa a firma na cidade, e que acada os 98.000 metros cadrados.

Máis canalizacións

Repsol tamén se comprometeu a construír un novo oleoduto que enlace o porto exterior coa refinería, situada no límite municipal entre A Coruña e Arteixo.

Dese modo, durante un tempo é posible que convivan as dúas canalizacións. A vontade da Autoridade Portuaria é conseguir que a petroleira deixe libre nalgún momento a totalidade do espazo que ocupa en San Diego para desenvolver urbanisticamente a cidade nese punto.

Hai pasos previos dados con ese fin. Así, o novo oleoduto -ou poliducto- desde o porto exterior ata a refinería disporá de todas as canalizacións necesarias para que a empresa poida, cando considere, deixar de usar o antigo de case 6,5 quilómetros e que atravesa polo subsolo barrios moi poboados da cidade.

Ademais, polo momento a empresa ocupará 30.000 metros cadrados en punta Langosteira, cunha reserva de chan doutros 285.000 metros cadrados a maiores para unha posible ampliación. En total, pasará de máis de 300.000 metros, é dicir, máis do triplo do espazo que emprega actualmente.

Para facer efectivo o traslado parcial, Repsol desembolsará case 125 millóns de euros para construír a nova terminal en Langosteira.

O convenio entre a petroleira e o Porto non se fixo público, polo que se descoñecen os detalles e se reflicte algún compromiso de futuro. Se non é así -e ninguén explicou que o sexa- podería ser necesaria unha nova negociación e máis indemnizacións para sacar á empresa de San Diego.

A outra opción pasa por agardar ata o fin da concesión, pero iso significa que ata o ano 2027 a petroleira poderá seguir operando na cidade se ninguén o remedia. E ata entón seguirá no seu sitio o oleoduto.