Manolito, o amigo galego de Mafalda, vota nas autonómicas

La Voz ARTURO LEZCANO GONZÁLEZ

GALICIA

19 ene 2007 . Actualizado ás 06:00 h.

TEN 62 ANOS. O galego en que se inspirou Quino para debuxar a Manolito, o amigo de Mafalda, vive do que lle dá o soado almacén Don Manolo. NON TEN o pelo de punta, non é gordito, nin sequera un neno obsesionado co diñeiro. Ten 62 anos e a fronte despexada. É Manolo Fernández, a encarnación real de Manolito, o amigo de Mafalda. Iso si, como o personaxe que inspirou ao debuxante Quino alá por 1965, é fillo de emigrantes galegos en Buenos Aires, onde permanece aberto o soado almacén Don Manolo en pleno barrio de San Telmo, considerado o universo mafaldiano. Agora é unha mestura de estanco, tenda de chucherías e bocatería situado a dúas rúas do establecemento orixinal, pero alí pervive o espírito do lugar onde Mafalda ía comprar fideos para a súa sopa. «Os meus pais atenderon o almacén desde 1929. Quino, que vivía moi preto nos anos en que fixo Mafalda, era cliente noso». Aí naceu Manolito, aínda que o seu alter ego real sólo se recoñece a medias nel: «Inspirouse en nós porque eramos a típica familia galega, o meu papá levaba boina e todo iso. O que non sei é que viu en min para construír o personaxe de galego bruto. Sería polo tópico», di. A Manolo Fernández tamén lle gustan os números (estudou dous anos de Economía) pero desde un prisma ben diferente ao neno que idolatraba a Rockefeller: el loita para que Arxentina non pague a débeda externa. Estivo preso na ditadura e agora resolve a súa visión do mundo cunha frase máis de Mafalda que de Manolito: «Os políticos son como os xeados dun peso. Non saben a nada». Na tenda, xunto ás fotos de dirixentes do partido Radical e do Che, ten colocada unha frase súa: «Na diversidade construír a unidade e identidade nacional». Tampouco lle é allea a política galega. De feito, non ten reparos en dicir as súas preferencias: «Nas últimas tres eleccións votei ao Bloque». Coñeceu a Luis Seoane e Arturo Cadrado, asegura ter lido a Rosalía e atrévese a entoar unha rianxeira con acento porteño. Moi ao contrario do Manolito do debuxo, que soñaba con montar unha cadea de supermercados, Fernández vive da súa modesta tenda, coroada por un cartel de Manolito e Mafalda. E ao contrario que o personaxe, pelexado co sexo oposto, tivo onde elixir: casou catro veces e ten cinco fillos. «Son un galego atípico», conclúe.