Os clústeres como impulsores da competitividade galega

LA VOZ

GALICIA INNOVA

CEDIDA

A Xunta destinará 2,5 millóns de euros para fortalecer as agrupacións sectoriais

13 dic 2021 . Actualizado ás 12:38 h.

Os clústeres galegos aspiran a mellorar a competitividade do tecido empresarial. Para achandar este camiño, a Xunta de Galicia abriu unha nova liña específica de axudas, dotada con 2,5 millóns de euros. A iniciativa, desenvolvida pola Consellería de Economía, Empresa e Innovación, aspira a fortalecer precisamente ás agrupacións empresariais e os clústeres consolidados que porán en marcha tantos plans de formación, como actividades orientadas ao fomento da dixitalización.

Desta forma, as axudas contribuirán a mobilizar ao redor de 5 millóns de euros e a reforzar o papel destes organismos á hora de definir estratexias no ámbito do desenvolvemento tecnolóxico. A convocatoria está aberta desde o pasado 11 de decembro. O procedemento da concesión das axudas farase polo réxime de concorrencia competitiva. Na avaliación dos proxectos terase en conta o impacto socioeconómico, o grao de representatividade e a importancia do ámbito produtivo para Galicia.

Clústeres recentes

Esta iniciativa é a continuación doutras convocatorias realizadas ata agora, ás que xa se destinaron preto de 8 millóns de euros. Entre elas, a acción destinada en específico a apoiar novos clústeres de creación recente. Dotada con 500.000 euros, esta liña xa levantou a agrupacións relacionadas co deporte ou as tecnoloxías ambientais.