O ritmo de creación de empresas en Barbanza xa é maior que nos anos anteriores á pandemia

Ramón Ares Noal
M. ARES RIBEIRA / LA VOZ

GALICIA INNOVA

CARMELA QUEIJEIRO

A falta do mes de decembro, xa se rexistraron 75 altas de sociedades mercantís, as mesmas que todo o ano pasado

13 dic 2021 . Actualizado ás 12:07 h.

O dinamismo de Barbanza, especificamente en Arousa norte, púxose de manifesto na creación de empresas ata finais de novembro, cando se constatou que se rexistraron 75, cifra que equivale ás fundadas todo o 2020 e que confirma un ritmo superior ao que se rexistrou nos anos anteriores á crise xerada polo covid, con 56 firmas no 2019 e 69 no 2018.

Os datos de explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme) recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) constatan que as sociedades mercantís que se promoverán en decembro situarán ao 2021 como o mellor dos últimos catro anos, e determinarán o incremento real respecto ao ano pasado.

Por municipios, Ribeira lidera o ránking, con 27 sociedades creadas no que vai de ano, fronte ás 30 do 2020, as 19 do 2019 e as 25 do 2018; séguelle Boiro, con 26, 20, 22 e 20; A Pobra, con 16, 15, 4 e 19; e Rianxo, con 6, 10, 11 e 5.

Concellos emprendedores

Tres dos catro municipios de Arousa norte son Concellos Emprendedores; só A Pobra está pendente de adherirse. Trátase dunha figura que facilita a creación de empresas, xa que os concellos participantes colaboran coa Xunta na captación de investimentos, co que contribúen a acadar tres retos: máis simplificación administrativa, con bonificacións no IBI, o IAE e o ICIO para implantar ou ampliar empresas, en tramos do 95 %, se crean máis de 90 postos de traballo; dun mínimo do 75% cando sexan entre 11 e 20 empregados; e dun mínimo do 50 %, se son ata dez postos os creados.

A maiores, estes concellos teñen máis facilidades para acceder ao chan industrial, concedendo licenzas de obra maior nun máximo de 30 días; e acceden a máis incentivos fiscais, con bonificacións e incorporando o dereito de superficie para favorecer o acceso a chan industrial.

A Xunta dá prioridade aos Concellos Emprendedores nas convocatorias de axudas para a mellora dos polígonos, a posta en marcha de viveiros industriais, o impulso da biomasa e o desenvolvemento comercial.