Aberto o prazo de solicitudes para que concesionarios e puntos de venda poidan sumarse como entidades colaboradoras ao Renove Automoción

REDACCIÓN

GALICIA INNOVA

Los concesionarios de coches abren de nuevo sus puertas
Os concesionarios de coches abren de novo as súas portas Santi M. Amil

O Goberno autonómico apoiará con este programa a adquisición de máis de 1000 vehículos eficientes que permitirán aforrar en Galicia 300.000 euros ao ano na mobilidade de particulares, empresas e autónomos

10 dic 2021 . Actualizado ás 13:49 h.

A Xunta de Galicia ten aberto desde hoxe o prazo de solicitudes para que os concesionarios ou puntos de venda de vehículos situados en Galicia poidan adherirse como entidades colaboradoras a o programa Renove Automoción, o plan galego de transición cara a unha mobilidade eficiente. Con esta iniciativa, que cumpre a súa terceira edición, o Goberno autonómico destina 2,5 millóns de euros ?máis do triplo que na anterior convocatoria? para apoiar a adquisición de ao redor de 1.100 vehículos enerxeticamente eficientes por parte de particulares, empresas e autónomos.

O obxectivo desta proposta da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é promover a substitución de vehículos de certa antigüidade por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire, tendo en conta que o parque móbil galego ten unha media de 14 anos. Así, reduciranse as emisións de CO2 equivalentes á acción de plantar 36.000 árbores e favorecerase unha redución de custos de 300.000 euros anuais na mobilidade, así como dun aforro enerxético equivalente a 274.000 litros de gasoil.

Estes apoios, cos que a Xunta agarda mobilizar 26 millóns de euros, van destinados a beneficiar tanto a particulares que teñan a súa residencia habitual en Galicia ?que poderán adquirir un único vehículo co Renove Automoción?, como a autónomos e empresas con domicilio social ou centro de traballo na Comunidade, os cales poderán comprar ata 10 unidades con estas axudas.

A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos ?turismos e furgonetas? cun custo inferior ou igual a 40.000 euros. Será requisito imprescindible que quen o adquira acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de polo menos 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas.

As axudas son de concorrencia non competitiva e tramitaranse a través das entidades colaboradoras. Estes apoios oscilarán entre os 3000 e os 4000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales a Xunta achega 2000 e 3000, respectivamente, e o concesionario 1000. A cantidade increméntase nun 20 % para as familias numerosas, polo que poden conseguir os 3400 e 4600 euros.

Ata o momento, o Renove Automoción destinou nas súas anteriores convocatorias un total de 1,8 millóns de euros para apoiar a adquisición de 759 vehículos. Trátase dunha iniciativa que foi acordada co propio sector e que promove a recuperación económica, reducindo os custos enerxéticos dos fogares, pero tamén das empresas que poden ver mellorada a súa competitividade.

Moves III

Esta nova convocatoria do Renove Automoción complementa ao plan Moves, un programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica que xestionan as comunidades autónomas e que tamén cumpre a súa a terceira edición. Neste caso, apóiase a adquisición de vehículos eléctricos e de infraestruturas de recarga. Tanto o Renove Automoción como o Moves III teñen como obxectivo fomentar investimentos nunha mobilidade eficiente e sostible que contribúa a unha redución de enerxía neste sector e a facer fronte ao cambio climático ?o transporte representa o 31% do consumo de enerxía final en Galicia?.