Once proxectos para impulsar a innovación nas pequenas e medianas empresas de Galicia

LA VOZ

GALICIA INNOVA

Zap2Photo

Mobilizaranse preto de dez millóns de euros para impulsar a dixitalización do tecido produtivo galego

17 novs 2021 . Actualizado ás 14:23 h.

No marco do programa de axudas Conecta Hubs, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina 6,4 millóns de euros a promover once proxectos innovadores. Trátase dunha iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e orientada a promover accións colaborativas desenvolvidas por agrupacións de empresas en áreas estratéxicas relacionadas coa innovación dixital.

As axudas estarán dirixidas especialmente ás pequenas e medianas empresas. Permitirán así a posta en marcha de oito novos proxectos de I+D+i que contarán con 5,6 millóns de euros, e de tres proxectos de innovación de produto financiados con 800.000 euros. A toda esta contía se sumará un financiamento privado de 3,4 millóns de euros.

Nos proxectos xa están implicadas 45 compañas, das cales 39 son PEMES, e outras seis son grandes empresas cun importante efecto tractor. A metade das firmas que liderarán e executarán os proxectos pertencen ao sector tecnolóxico. Outros ámbitos implicados nas iniciativas son da automoción, alimentación, pesca, ou acuicultura. Tamén do sector gandeiro, forestal ou téxtil.

En total, 33 empresas están englobadas na área de especialización de Dihgigal, un punto de conexión que aglutina cadeas de valor da alimentación, automoción, sector naval e tecnolóxico. O seu propósito: a innovación dixital. Por iso, oito dos once proxectos desenvolveranse baixo o seu marco de traballo. Os tres restantes, farano vinculados a DATAlife , un punto ao que pertencen as cadeas de valor da saúde, da biotecnoloxía, e do sector forestal.

Segundo a directora de Gain, Patricia Argerey, «o desenvolvemento destas iniciativas contribuirá a fortalecer a base económica galega e a impulsar un tecido produtivo máis dixitalizado, innovador e sostible». Ademais, implicará a creación e consolidación de emprego de alta cualificación. Na súa execución participarán uns 220 profesionais do sector tecnolóxico.

Sobre os proxectos seleccionados,hai de todo. Varios están destinados a mellorar a sustentabilidade en diferentes ámbitos. Edar 360, pretende aplicar a intelixencia artificial á optimización dos procesos de depuración de augas residuais. Tamén Replay é un proxecto ideado para potenciar a reciclaxe en varios sectores industriais. Pola súa banda, Milkchain é unha iniciativa vinculada á industria láctea, que pretende  garantir a orixe do leite en canto aos diferentes parámetros de calidade, mediante un sistema de trazabilidade.