Case dez millóns de euros para a tecnoloxía cuántica en Galicia

LA VOZ

GALICIA INNOVA

ANA VARELA

A Xunta asinou novos plans de I+D+i co Ministerio de Ciencia e Innovación

18 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación asinaron novos plans de I+D+i que deixarán case 20 millóns de euros na nosa comunidade. O obxectivo é utilizalos para impulsar a competitividade galega a través da investigación en varios ámbitos estratéxicos como a tecnoloxía cuántica, a biotecnoloxía aplicada á saúde, ou as ciencias mariñas.

Así, Galicia participará en tres das catro primeiras áreas que puxo en marcha o ministerio no marco do Consello de Política Científica Tecnolóxica e de Innovación. Unha entidade que pretende fomentar a coordinación das capacidades rexionais e construír sinerxías territoriais.

O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) será o encargado de coordinar as accións de Galicia para avanzar xunto co País Vasco, Cataluña, Madrid e Castela e León, ademais do CSIC, no ámbito das comunicacións cuánticas. Para logralo contará con 9,6 millóns de euros. Un proxecto que se enmarca no Polo de Tecnoloxías Cuánticas e que busca consolidar Galicia como referente para o desenvolvemento deste tipo de tecnoloxía, con vistas a mellorar o seu impacto nos diferentes sectores produtivos. O investimento sumar ao convenio por importe de 11,6 millóns de euros asinado recentemente entre a Xunta e o Cesga.

Galicia tamén aspira a que o Executivo central asigne fondos europeos Next Generation a este Polo, cuxos avances repercutirán directamente noutras áreas como o medicamento ou a automoción.

Biotecnoloxía

Doutra banda, a comunidade galega poderá seguir avanzando na biotecnoloxía médica dentro dun programa de colaboración rexional. O obxectivo é desenvolver ferramentas para o diagnóstico e terapias personalizadas. Neste sentido, aínda que non recibe asignación económica por parte do Estado, Galicia contribuirá como socio estratéxico achegando as capacidades das institucións como a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o Sergas ou o Grupo Zendal.

Para rematar, outros dez millóns de euros destinaranse a traballar xunto con Andalucía, Cantabria, Murcia e a Comunidade Valenciana nunha estratexia conxunta de investigación en ciencias mariñas. No horizonte está abordar de xeito sostible os novos desafíos da monitorización, ou a acuicultura, potenciando incluso o turismo costeiro e mariño.