Galicia xestiona 37 millóns para impulsar as renovables e o autoconsumo

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA INNOVA

XOÁN A. SOLER

As convocatorias abriranse en decembro e as subvencións poden acadar os 13.500 euros

03 novs 2021 . Actualizado ás 10:07 h.

O Consello da Xunta autorizou unha nova convocatoria de axudas de 17,2 millóns para promover as enerxías renovables, o autoconsumo e o almacenamento entre particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. Este diñeiro súmase aos 19,8 millóns aprobados a semana pasada para proxectos dirixidos a empresas. En total, 37 millóns procedentes do plan de recuperación.

En concreto, xestionará 11,5 millóns para fomentar o autoconsumo entre os particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións publicas; outros 7,5 millóns para apoiar a instalación de aerotermia, geotermia, biomasa ou solar térmica no sector residencial.

A Xunta avanzou que as convocatorias se abrirán en decembro e as peticións de axuda serán presentadas directamente polo solicitante, excepto no caso de persoas físicas que non realicen actividades económicas ou unha comunidade de propietarios, que o farán a través de entidades colaboradoras.

As subvencións poden acadar os 13.500 euros para unha instalación de geotermia de circuíto pechado. A Administración autonómica calcula que acadará os tres mil beneficiarios.

Ademais, desde a semana pasada está aberto o prazo para solicitar a primeira liña de axudas, que suman 19,8 millóns, para proxectos de autoconsumo e almacenamento enerxético (baterías) destinados a empresas.

As convocatorias son de concorrencia non competitiva, é dicir, valoraranse os proxectos por orde de chegada.