Os drones preparan o despegamento grazas ao Polo Aeroespacial

GALICIA INNOVA

ALBERTO LÓPEZ

O Plan Estratéxico 2021-2025 é a folla da Xunta para consolidar unha rede de empresas e innovación ao redor dos vehículos aéreos non tripulados

22 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Non só está aquí, senón que a revolución dos ceos xa colle voo para o próximo lustro grazas ao Plan Estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia (2021-2025), aprobado recentemente no Consello da Xunta. O programa, coordinado pola Vicepresidencia segunda e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, será a folla de ruta para impulsar o sector dos vehículos aéreos non tripulados (drones), atraer investimentos e consolidar unha rede de innovación e empresas en territorio galego. En concreto, o plan da Xunta fixa como prioridade a consecución dun triplo marco estratéxico: o desenvolvemento industrial galego; o fomento das capacidades tecnolóxicas e innovadoras a través da creación e transferencia de coñecemento ao mercado; e a creación de emprego de calidade. A previsión é que grazas a el acadar uns 3.000 postos de traballo en torno ao Polo e que este contribúa á recuperación económica, aliñándose así cos obxectivos españois e europeos para crear riqueza a curto prazo, pero tamén pensando nas tecnoloxías e os mercados dos próximos anos.

A partir do documento desenvolveranse unha trintena de actuacións que se basean na colaboración público-privada e que inclúen desde o financiamento de grandes programas de I+D para apoiar as novas tecnoloxías ata a realización de actividades escolares para espertar o interese científico entre os máis novos.

Unha das pezas crave dese ecosistema que a Xunta quere impulsar e consolidar é o aeródromo de Rozas, en Castro de Rei (Lugo), onde empresas líderes no sector como Indra ou Babcock (dúas das compañas tractoras do polo xunto a Boeing) teñen os seus propios hangares para desenvolver proxectos innovadores. As instalacións dese Parque Tecnolóxico e Industrial, que se atopa nunha primeira fase de urbanización, están a pórse a disposición da comunidade científica e empresarial para levar adiante proxectos de base tecnolóxica. A infraestrutura, xa que logo, está orientada ao I+D+i, pero tamén contribúe ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR); unhas instalacións pioneiras en Europa para a realización de ensaios certificados e onde tamén se investiga con vehículos aéreos non tripulados. Do Parque Tecnolóxico, ata agora urbanizáronse máis de 31.400 metros cadros e uns 7.100 son parcelas para empresas. O investimento realizado suma 4,5 millóns en total, contando tamén os dous hangares.

En canto ao Plan xa hai comprometidos 70 millóns para o seu período de actuación e 40 deles destinaranse á licitación de Compra Pública Precomercial, que se publicará ao longo de xullo. En si mesmo, o Polo é un proxecto tractor e a Xunta considérao estratéxico de cara á candidatura galega aos fondos Next Generation da Unión Europea (UE), cos que o ente autonómico agarda mobilizar ata 540 millóns de euros mediante a colaboración público-privada. Coa aprobación do documento a Administración galega busca dar continuidade ao traballo que vén realizando desde o 2015, cando se puxo en marcha esta iniciativa e que segundo os cálculos da Xunta xa mobilizou dez veces máis do investimento previsto no seu día; 164 millóns de euros en total e participaron 937 profesionais. Co horizonte que marca o Plan Estratéxico para o próximo lustro e coa mirada posta neses fondos comunitarios, os catros obxectivos cos que se traballa van desde a consolidación en territorio galego ata o posicionamento a nivel nacional e internacional. Un deles é converter o Polo Aeroespacial no epicentro da I+D+i en Galicia, á vez que se mellora a eficiencia e a eficacia dos servizos públicos grazas ao uso das aeronaves non tripuladas. Os outros dous poñen o foco en xerar capacidades e coñecementos científicos básicos, por unha banda, e situar Galicia e España como un actor global no sector dos drones, polo outro.

Empresas tractoras

Co plan aprobado agárdase atraer de catro a oito empresas tractoras, así como implantar 20 novas solucións tecnolóxicas que lle permitan á Xunta mellorar a eficacia, eficiencia e seguridade dos seus servizos. Tamén se contemplan a firma duns cinco acordos de I+D en compra de solucións entre grandes compradores privados e a creación de 24 novas empresas. Ademais, o Polo pretende favorecer a comercialización e internacionalización dos proxectos e servizos que se desenvolvan as súas empresas. Outros retos como a transformación dixital ou a transición ecolóxica tamén estarán presentes, dado que se trasladarán para buscar solucións desde o mundo industrial e a innovación. Retos que poderían resolver os vehículos aéreos non tripulados son, por exemplo, a atención á dependencia, a xestión de urxencias ou a seguridade turística. Doutra banda, a Xunta pon o foco nos drones libres de emisións e que poidan estar ao servizo da xestión sostible de recursos forestais, a mobilidade limpa ou as enerxías renovables. Sobre as posibilidades galegas no sector, Francisco Conde destacou a anticipación coa que Galicia apostou por un mercado de gran potencial.

Babcock International. Sistemas intelixentes para automatizar as misións

«É un mercado que crecerá moi forte en ano e medio ou dous anos»

Outro dos grandes nomes que está no Parque de Rozas é o de Babcock International, que leva máis de corenta anos traballando en Galicia en servizos de urxencia e salvamento marítimo. No aeródromo lucense teñen un centro de investigación onde traballan cun obxectivo moi claro: crear unha caixa intelixente para que os drones funcionen como robots. «A nosa investigación está orientada a robotizar os drones. É dicir, que nós lles metamos a intelixencia dunha misión e actúen sen mediación humana», explica José Luis Saiz, director de I+D de Babcock. «Isto serviranos, por exemplo, para inspección de liñas eléctricas. E para incendios máis do mesmo: o dron sobe ao seu espazo aéreo, ponse nun sitio no que evite outras aeronaves, capta a localización das brigadas, toma imaxes, vídeo e demais. Todo iso de xeito intelixente», detalla Saiz.

No espazo que teñen en Rozas contan con zona de estacionamento de drones, mantemento e desenvolvemento de prototipos, pero tamén teñen aula de formación, dado que tamén ensinan aos máis novos. Nese sentido, teñen un convenio co ciclo superior das Mercedes (Lugo) en mecánica aeronáutica. «Catro dos rapaces que traballan connosco veñen desa escola. É un convenio para formarlles nun mercado que crecerá moi forte en ano e medio ou dous anos», conta o director de innovación de Babcock, que indica que nuns meses se empezarán a dar as primeiras autorizacións comerciais para operar en España. «Este mercado empeza con vixilancia e inspeccións, pero as nosas aeronaves están preparadas para voar máis aló da liña de vista e exceder os 90 quilómetros, polo que requiren autorizacións complexas», apunta Saiz sobre uns permisos que aínda non existen.

Rede de empresas

Ademais da vintena de persoas empregadas por Babcock en Rozas, a súa actividade xera unha rede de traballo. «Moitas empresas galegas se han ir incorporando á nosa cadea de valor e iso crea un ecosistema importante. Non só traballamos con drones, senón tamén con aplicacións. Toda a información que xera a vixilancia hai que procesala e iso faise con empresas galegas, que tamén dan soporte aos nosos servidores», conclúe

Indra. Novos dispositivos dixitais e para sanidade 

«O espazo aéreo de rozas ten vantaxes debido á baixa densidade poboacional da súa contorna»

No Parque de Rozas, Indra desenvolve distintos proxectos xurdidos no marco do Polo Aeroespacial impulsado pola Xunta de Galicia na provincia lucense. «Un deles é o sistema Targus, que é o primeiro OPV [un modelo de dron] que se desenvolve en España e co que se segue unha folla de ruta acordada coas autoridades aeronáuticas europeas para obter un sistema aéreo non tripulado certificado», explica Antonio Monteagudo, responsable técnico de Indra para eses proxectos. E a razón de asentarse en Castro de Rei, apuntan desde a compaña, enmárcase no vínculo da empresa coa Xunta, da que é socia e aliada en desenvolvementos tecnolóxicos. En Galicia, de feito, Indra conta con máis de 1.500 profesionais empregados en iniciativas relacionadas coa Sanidade, a Seguridade e Defensa ou as tecnoloxías aplicadas ás Smart Cities e as transformacións dixitais.

Á marxe do seu traballo en territorio galego, Antonio Monteagudo sinala algúns dos beneficios concretos que presenta Rozas para as súas investigacións. «O seu espazo aéreo ten vantaxes debido á baixa densidade poboacional da súa contorna. Iso permite estender as zonas de seguridade que son necesarias para a experimentación en voo», detalla Monteagudo. Xunto a esa vantaxe, o responsable técnico de Indra destaca tamén que o parque está no ámbito da área do CIAR e, xa que logo, a experimentación está coordinada e asistida polos profesionais do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial.

Outro dos focos da compaña en Rozas está no Centro de Misión e Procesado de datos, que consiste nunha infraestrutura para dar valor á información que recollen os drones.

Ademais, Indra traballa en iniciativas como un sistema naval opcionalmente tripulado e en distintos desenvolvementos auxiliares como ligazóns de comunicacións mellorados.