Os drones, nova ferramenta para mellorar o sector agrícola

La Voz

GALICIA INNOVA

Santi M. Amil

A Xunta adxudica seis proxectos con estes vehículos non tripulados para mellorar a planificación do sector urbanístico e apoiar o rural

09 oct 2018 . Actualizado ás 12:06 h.

O avance da implantación dos vehículos non tripulados continúa e Galicia non só non queda á marxe se non que aposta tamén por usalos de ferramenta de servizos públicos, por exemplo, levándoos ao ámbito rural para lograr un maior aproveitamento na actividade económica vinculada ao sector agrícola. Para potenciar este ámbito, a Xunta de Galicia, adxudicou este mes seis contratos dos dez licitados a través da Compra Pública Innovadora (CPI) para impulsar proxectos con drones. As firmas deberán traballar en solucións innovadoras para a prestación de servizos públicos mediante estes vehículos.

Participarán nesta iniciativa, na que se investiron 6,36 millóns de euros, un total de seis consorcios formados por doce empresas e un centro tecnolóxico. Á súa vez, tamén aseguraron que contarán con outros cinco centros de coñecemento galegos e tres empresas máis. En total, o 75% das firmas participantes son galegas e o 63% traballarán por primeira vez no marco das Rozas. Deste xeito, o programa da Xunta cumpre co obxectivo de dar oportunidades ás pequenas e medianas empresas non só do ámbito aeronáutico, se non tamén doutros sectores estratéxicos para Galicia. 

Tres dos contratos foron licitados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación e contan coa colaboración do Instituto de Estudos do Territorio. Os outros tres foron licitados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa colaboración da Consellería de Medio Rural, no marco do programa Primar. No primeiro caso, o obxectivo é que os drones logren dar máis información e máis precisa para axudar á planificación urbanística do territorio e no segundo mellorar a competitividade do sector agrícula, mellorando o seu acceso e posicionamento no mercado, coa prevención da fraude e a garantía de calidade, seguridade e trazabilidade nos produtos. 

A previsión é que as catro licitacións restantes prodúzanse ao longo do ano e que, en breve, haxa una máis para atención cardiovascular de peregrinos do Camiño a través de drones.

As Rozas

Cunha mobilización inicial programa de 150 millóns de euros, o polo tecnolóxico e industrial das Rozas, ademais deste Programa de Solucións financiado ao 80% con fodos Feder, inclúe un investimento de 115 millóns de euros a través do programa de I+D no que a Xunta conta con dous socios estratéxicos, Indra e Babcok, que achegan 75 millóns. Ademais, existe un orzamento de dez millóns para o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas. 

Grazas a Compra Pública Innovadora, a Xunta poderá adquirir solucións novas para mellorar servizos públicos aos cidadáns, do mesmo xeito que lle permitirá adecualos ás necesidades e tendencias socioeconómicas actuais. Desta forma búscase xerar un efecto tractor sobre o tecido empresarial para incrementar a competitividade das compañas galegas e a creación de emprego cualificado. 

A través da CPI no período 2007-2013 Galicia executou preto de o 40% de toda a compra pública innovadora contratada en España. No período 2014-2020 están a executarse fondos por un importe de 100 millóns de euros. 

Aceleradora aeronáutica

No sector aeronáutico, este impulso en AsRozas sumar ao que xa deu a Xunta coa autorización do convenio de colaboración entre a Administración Galega (a través de Gain, Igape e XesGalicia) a fundación CEL (Iniciativa por Lugo, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia) e as empresas Indra e Babcok para a posta en marcha da primeira aceleradora galega do sector aeronáutico. Nesta medida está prevista un investimento de 4,75 millóns de euros ata o 31 de decembro do 2021. O obxectivo é impulsar 19 iniciativas empresariais que poderán xerar preto de 60 empregos.