Xenebra ecolóxica galega ante o desabastecemento

A GALICIA ECONÓMICA

Diego Mosquera produce en Teo ginebra ecológica Green Mixology
Diego Mosquera produce en Teo xenebra ecolóxica Green Mixology Ismael Torres

Green Mixology, empresa familiar integrada en Fogar 360, produce destilados ecolóxicos, que comercializa en botellas recicladas e vende en Galicia, España e Europa

05 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Produtos de proximidade como alternativa ao desabastecemento que afecta o sector das bebidas alcohólicas. É a proposta que chega desde Teo, de onde saen as xenebras, vodkas, vermús e sangrías que elabora Green Mixology, un proxecto familiar integrado en Fogar do Santiso, firma de referencia do mercado ecolóxico galego.

Detrás desta marca de destilados naturais está Diego Mosquera, experto mixólogo, premio nacional de coctelería e consultor de bebidas prémium. O seu traballo, xa que logo, non é novo, aínda que desde o ano 2015 están centrados en cubrir un baleiro no sector: «Detectamos unha demanda no mercado de destilados ecolóxicos, non había oferta en Galicia nin España, e só nos quedaba recorrer a importación do norte de Europa», lembra. Crearon así a primeira empresa de España dedicada exclusivamente ao desenvolvemento de destilados orgánicos e, no 2017, viron a luz as primeiras partidas de xenebra e vodka. Hoxe xa se atopan no mercado nacional outras marcas eco, pero afirman ningunha outra galega.

Mosquera explica que todos os seus produtos teñen tres patas: son galegos, ecolóxicos e vinculados ás súas hortas en Teo. No caso da xenebra, utilizan alcol de trigo medieval, «e a maioría das prantas son aromáticas cultivadas na nosa horta, así como os cítricos e a folla de limoeiro; os poucos que non podemos cultivar, como a casia, mercámolos con certificación ecolóxica», subliña. No caso do vodka, recuperaron a variedade autóctona de millo Pego, que cultivan para a súa destilación. E fai fincapé en que non utilizan extractos nin aromas en ningún dos seus produtos.

Pero antes de comprobar eses aromas naturais que saen ao descorchar, chama a atención o propio envase: «Somos pioneiros en España en utilizar unha botella a partir de vidro reciclado 100% para destilados, ademais de etiqueta en papel tamén reciclado». De feito, esta é unha das razóns polas que garanten o abastecemento de bebidas alcohólicas a tendas e bares este Nadal, pois a orixe dos problemas mundiais vén, non tanto da escaseza de alcol como da falta de envases: «Non dependemos de materias primas que veñen do outro lado do planeta. Isto permítenos ser competitivos neste momento e poder atender os picos de demanda actual con comodidade», explica Mosquera; chegaron a producir 80.000 botellas que han ir a parar ás cestas de Nadal de importantes empresas: «Este ano o vermú e a xenebra Green Mixology viaxarán por todo o mundo nas cestas de Inditex, ou a de Michelín España entre outras». Confían, xa que logo, en que a campaña do Nadal será boa porque aprecian un interese maior do consumidor por estes produtos con calidade e singularidade. Ademais do mercado galego, teñen distribuidores en varios puntos de España, e tamén exportan a países do norte de Europa, onde recoñece que hai máis demanda destes produtos. Así, aínda que ata agora as contas desta empresa familiar eran máis discretas, a partir deste ano agardan superar o millón de euros de facturación.