Valtalia crea no Carballiño e Cerceda 80 empregos en dúas plantas para facer bolsas de papel e aproveitar plásticos

La Voz OURENSE / LA VOZ

A GALICIA ECONÓMICA

Plásticos
Plásticos cedida

O grupo ourensán quere estender o seu modelo a Centroeuropa

20 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O grupo galego Valtalia -con 900 traballadores e unha facturación de 122 millóns de euros- concretou o seu plan de expansión con dúas novas plantas que, en conxunto, crearán 80 postos de traballo. A primeira delas, que se puxo en marcha a semana pasada no Carballiño , producirá ao ano 500 millóns de bolsas de papel, tipo sobre, que se destinarán ao sector alimentario e a grandes cadeas de distribución e embalaxe. A segunda, que se está acabando de construír en Cerceda , fabricará envases a partir de plásticos usados. Mentres arrincan estes dous proxectos, a compaña ourensá, que lidera o enxeñeiro César Pereira, prepárase para exportar o seu modelo de negocio ao centro de Europa.

O investimento na planta do Carballiño, promovida desde Papeis e Desenvolvementos, supera os 7 millóns de euros. Con recursos propios. Iso é algo no que inciden desde Valtalia. «Non presentamos proxectos de I+D en ningún sitio, facémolo todo de modo interno, con fondos propios», explica un portavoz do grupo empresarial. A fabricación das bolsas pretende ser unha alternativa sostible, fronte ao plástico, utilizando papel reciclado. A maquinaria coa que se equipou a fábrica foi seleccionada baixo os criterios do «ecodiseño e a sustentabilidade ambiental», indican os seus promotores. E aínda que a alimentación será un dos sectores no que poñan o foco, á hora de comercializar, o grupo ourensán tamén pensa na mensaxería, baixo a premisa de que producirán bolsas de papel de gran resistencia e con capacidade de almacenaxe.

En Cerceda, a través de Sogapol , Valtalia investirá 17 millóns de euros nunha planta de tratamento de plásticos na que se procesarán 15.000 toneladas ao ano. Neste caso a compaña aposta pola aplicación de tecnoloxías de «superlimpieza» que, a través de procesos térmicos, extracción de cheiros ao baleiro ou emprego de gases inertes, permitan producir a denominada granza plástica, autorizada para uso alimentario. A tecnoloxía necesaria para este proceso debe contar co visto e prace da Autoridade Europea para a Seguridade Alimentaria.

No plan de expansión deseñado por Valtalia, segundo fontes da compaña, pesa o favorable marco regulatorio europeo, pero non obvian a demanda social, cada vez máis forte, de respecto ao medio ambiente.

O grupo empresarial ourensán asumiu o deseño, a construción das plantas, as instalacións e a enxeñería, pero tamén levará a xestión e a comercialización do produto.

Doutra banda a compaña, fundada no 2005, xa comezou a execución da que se podería chamar a Sogama asturiana. Tras un concurso, está á fronte do proxecto dunha das plantas máis avanzadas de España en tratamento e recuperación de residuos. Baixo o nome de Cogersa dará cobertura aos 78 municipios do Principado.

No 2019, coa adquisición de Espiña Obras Hidráulicas, especializouse en tratamento de augas, en varios países. E o pasado ano un investimento de 14 millóns de euros, sen financiamento externo, permitiulle construír en Cerceda unha planta para tratar plástico do residuo agrícola e de domicilios. Con ese centro, e o do Carballiño, Valtalia é a empresa española con maior dimensión para reciclar plástico flexible: pode tratar ata 65.000 toneladas.

O saneamento de Montevideo e a intervención no vertedoiro de Bogotá, o máis grande de Latinoamérica, son dous dos proxectos que desenvolve no estranxeiro. Agora mesmo Valtalia está presente en vinte países.