A época dourada das gasosas resiste no recordo da Costa da Morte

nuria guillermo / s. g. CARBALLO / LA VOZ

A GALICIA ECONÓMICA

BASILIO BELLO

HISTORIA EMPRESARIAL | As carbónicas foron un sector de gran relevancia para a industria da zona

16 feb 2023 . Actualizado ás 22:38 h.

Un dos sectores industriais máis destacados na Costa da Morte durante o século pasado foi o da gasosa. Moitas familias da zona desenvolveron pequenos negocios dedicados á fabricación desta bebida, coa que logo comerciaban nas súas localidades e nos pobos próximos. De especial relevancia foi o caso de Carballo, onde houbo cinco empresas dedicadas a producir, embotellar e distribuír este produto. A principios do século vinte, Calixto Navaza fundou A Xeitosa, unha desas sociedades precursoras na fabricación de carbónicas. O negocio estaba situado na localidade carballesa, concretamente na Casilla.

Tras o falecemento de Navaza, a súa muller decidiu arrendarlle a fábrica a Andrés González Botas. No lugar no que anteriormente se atopaba A Xeitosa, o seu novo propietario decidiu pór en marcha Refrescos Diana, onde non só se fabricaba a tradicional gasosa branca, senón tamén de varios sabores, entre eles laranxa, piña e limón.

En 1966, Andrés González Botas vendeu a empresa ao seu sobriño, Luis Botas. Leste cambiou a localización do negocio ás inmediacións do polígono Iindustrial de Bértoa, e decidiu darlle un novo nome. Naceu así Gasosas Maruxa. «Naquela época, a gasosa era a única bebida refrescante que había. Os refrescos que se consumen actualmente antes eran un luxo para días especiais, pero de forma diaria consumíase gasosa», explica Matilde Anido, cónxuxe de Luis Botas. «Nós enviabamos as bebidas ás casas, e era moi raro que algunha familia non comprase caixas de gasosa. Era un costume da zona. Chegamos a ter catro camións traballando na repartición», lembra en relación ao éxito da bebida na zona.

Competencia sa

Ademais, Matilde Anido fai fincapé en que a competencia entre as diferentes empresas «levaba moi ben. Había mercado suficiente para todos os produtores e todos eles eran veciños, mesmo amigos na maior parte dos casos, polo que non adoitaba haber problemas entre eles e axudábanse cando os negocios tiñan algún problema».

O último propietario de Gasosas Maruxa foi o fillo de Luis Botas e Matilde Anido, Luis, quen afirma: «Xa collín a decadencia da fábrica, a época dourada viviuna o meu pai». Esta foi a última das fábricas de carbónicas carballesas en pechar as súas portas, fai xa vinte anos.

Outra das familias dedicadas a este negocio foi a de Cándido Rodríguez Fernández, quen instalou a fábrica da súa sociedade, Meus Amores, na Gran Vía de Carballo. Alí traballaron el e os seus nove fillos, cambiando o nome da empresa a Espumosos Lidia . A titularidade do negocio pasou posteriormente ao seu fillo Luis, quen pronto pasou a ser coñecido na localidade como Luis de Cándido.

Eliseo Longueira Suárez creou, tamén en Carballo, a sociedade A Bergantiñá, situada na Rúa do Muíño. As rendas desta fábrica pasaron logo a mans do seu fillo, Jesús Longueira García, quen foi o último propietario do negocio familiar.

BASILIO BELLO

A chegada dos refrescos fixo caer as vendas

A pesar da relevancia que chegou a acadar a produción de carbónicas, ningunha destas fábricas familiares mantense aberta. «Cando as botellas de gasosa que se vendían eran as de cristal, cada familia compraba aquela que máis lle gustaba polo seu sabor, pero a chegada das botellas de plástico supuxo que as grandes empresas de refrescos comezasen a regalar as súas propias gasosas en promoción coas botellas das outras bebidas, o que levou á caída da industria local», explica Eduardo Pensado, antigo distribuidor de Gasosas Maruxa. «As empresas familiares da zona non podían competir contra a gasosa regalada polas grandes compañías de bebidas, polo que as súas vendas foron diminuíndo ata que se viron obrigadas a cerrar. A chegada destes refrescos foi o que provocou a desaparición da industria local da gasosa».

Non só en Carballo houbo empresas do sector. En Neaño (Cabana), Domingo Antonio Barreira instalou Gasosas Barreira. Esta distribuía carbónicas, ademais, nas veciñas localidades de Vimianzo , Ponteceso, Corme e Baio. Esta repartición facíase nun carro guiado por un cabalo. O negocio pasou posteriormente a mans de Antonio Barreira, fillo do fundador. De gran relevancia para a industria local foron tamén a fábrica de Gasosas de Malpica , fundada en Seaia por José Villar Varela, Gasosas Neptuno, en Ponteceso, e nos anos 50 e 60, Gasosas Piñeiro, na Silva.

«A industria da gasosa era moi familiar. Ese era o lado romántico do negocio: en cada vila facíanse as botellas de gasosa en pequenas fábricas familiares e desde alí levábanse ás casas. Era todo moito máis próximo», explica Juan Carlos Villar Angeriz, coleccionista de botellas de carbónicas e investigador da historia destas fábricas. «No verán vendíanse moitas máis caixas, porque era unha bebida refrescante, e polas festas tamén se incrementaban moito as vendas. Ademais, era habitual que se mesturase a gasosa co viño caseiro (xeralmente de sabor amargo), e isto axudou a popularizala», engade.