A falta de man de obra obriga a comprar robots para ordeñar vacas

Xoán Ramón Alvite Alvite
X. R. Alvite REDACCIÓN / LA VOZ

A GALICIA ECONÓMICA

ALBERTO LÓPEZ

As granxas teñen moitas dificultades para atopar traballadores cualificados

14 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cada día son menos, pero moito máis grandes, con maior número de animais, de superficie de cultivo e, xa que logo, con maiores necesidades de man de obra. Con todo, as granxas lácteas galegas pasan dificultades para atopar traballadores que se fagan cargo de tarefas tan importantes como son o ordeño do gando.

Esta circunstancia está a provocar que cada vez máis explotacións se interesen por sistemas alternativos para a extracción do leite, como os robots de ordeño. Confírmano desde as oficinas agrarias comarcais que, sen concretar cifras, si constatan un aumento importante dos gandeiros que inclúen aparellos deste tipo entre os investimentos dos seus plans de mellora. «Cada vez hai mais explotacións que consideran esta posibilidade, porque mentres o número de animais non deixa de medrar, a man de obra é máis reducida», explica un técnico da Consellería do Medio Rural na comarca de Barbanza, que sinala que son as explotacións de tamaño medio as que máis se están expondo un cambio de sistema: «Aínda que hai de todo, son as granxas de entre 40 e 70 vacas as que máis se interesan polos robots».

En Galicia instaláronse 70 máquinas o ano pasado e son xa case 400 as que están operativas (só en Mazaricos, o primeiro produtor de leite da provincia coruñesa, hai preto dunha trintena de aparellos). E iso a pesar do seu elevado custo -o prezo medio dun destes robots rolda os 120.000 euros- e das limitacións que expón o feito de que cada máquina só teña capacidade para ordeñar un máximo de 750.000 litros anuais, a produción dunhas 70 ou 80 vacas. Isto significa que unha granxa cun número superior debe instalar unha segunda unidade.

«Estamos colocando na orde dun robot novo por semana e son moitos os que chaman para preguntar polo seu funcionamento e a posibilidade de adaptalo ás súas necesidades», apunta David Peiteado, técnico comercial de Lely, unha das firmas de robots con maior implantación nas zonas de Barbanza e a Costa da Morte, que sinala que estes sistemas non só melloran a vida do gandeiro, senón que lle permiten aforros importantes en man de obra e maior rendemento económico, ao aumentar máis dun 10 % a produción das vacas.

Pola contra, os seus detractores critican os elevados custos de mantemento e outros prexuízos derivados da falta de adaptación ao novo sistema. «Para estar sempre pendente do robot [a máquina envía un aviso ao móbil do gandeiro cada vez que hai un problema], prefiro estar pendente das vacas pola mañá e pola noite e desentenderme», apunta José Manuel Antelo, un mozo gandeiro de Zas que, con todo, recoñece as dificultades para facerse con man de obra disposta a realizar este traballo. «A xente prefire cobrar o mesmo ou incluso bastante menos e traballar nun bar ou nun supermercado. Parece como se non estivese ben visto ser gandeiro ou traballar nunha granxa», laméntase.

Soldos de ata 1.400 euros con fin de semana libre

É certo que as condicións varían enormemente entre unhas granxas e outras, dependendo do horario ou do tipo de traballo que se realice. A maioría oscilan entre os 700 euros que pode estar cobrando unha persoa que se dedica unicamente aos traballos do ordeño -dúas horas pola mañá e outras dúas pola tarde- e os 1.400 euros que chega a cobrar un operario a xornada completa. Ese é, polo menos, o importe que actualmente desembolsa un gandeiro de Mazaricos a un dos seus traballadores incluíndo dúas fins de semana libres ao mes e días de libranza entre semana. «Penso que as condicións non son tan malas, e aínda así cústame traballo atopar xente para a granxa», lamenta.

Pero calquera pode traballar nunha granxa leiteira? As explotacións adquiriron un grao de modernización e un nivel de mecanización inimaxinable fai tan só uns anos. Isto non significa que todo o mundo poida traballar nelas.

A realidade é que calquera persoa cun mínimo de condicións físicas pode exercer, por exemplo, de ordeñador, pois tanto a rutina do traballo como o manexo da instalación resultan relativamente sinxelos. De feito, hai gandeiros que prefiren operarios sen experiencia previa, dado que lles resulta máis doado ensinarlles as novas pautas do ordeño que desposuílos de vicios xa adquiridos. Máis difícil sería iniciarse en traballos relacionados co manexo de maquinaria ou co de animais dentro do cortello, onde a formación en distintas disciplinas é case imprescindible.