Chegou a casa e dixo: «Despedíronme»

A GALICIA ECONÓMICA

María Pedreda

Miles de traballadores viven coa ameaza de quedar sen o seu posto de traballo nos próximos meses; varios centos de miles xa viviron esa experiencia antes

20 ene 2019 . Actualizado ás 13:10 h.

Miles de traballadores viven coa ameaza de ser despedidos nos próximos meses (Alcoa, Vodafone); varios centos de miles xa o foron antes. Todos chegaron a casa e dixeron: «Despedíronme». Un destes últimos é Juan Andrés Vila, que traballou en Inespal (hoxe Alcoa-San Cibrao) cando aínda pertencía ao INI. Aos seus 71 anos lembra como un 5 de xaneiro recibiu unha carta na que lle comunicaron a súa saída da empresa. Non o agardaba. Estaba en casa, onde o desgusto foi tremendo. Lembra o pranto da súa muller. «¡Estabamos tan ben!», di. E tamén aos seus tres fillos de 13, 10 e 6 anos. Este último non era consciente do que estaba a ocorrer, pero si o maior. Tamén o mediano, que o plasmou nunha redacción do cole.

Vila ten na súa memoria a súa tarefa como coordinador da central de vapor da factoría, pola que recibía un soldo alá por 1987 de 170.000 pesetas netas ao mes (máis de mil euros). Tamén lembra o seu traballo como secretario do comité de empresa, desde onde se descubriu que se desviaba diñeiro «igual que os casos que se destapan agora cos partidos políticos». O seu despedimento foi un mes despois de que embarrancara o Casón na costa de Fisterra , en decembro do 87. O buque levaba máis de mil toneladas de produtos tóxicos e inflamables ao tocar a auga. Por un tema político, decidiuse levar varios bidóns á fábrica, o que provocou que os traballadores saísen en estampida por medo. «Culpáronnos ao comité da parada de 500 cubas de electrolisis e alegaron que tivemos mala fe contractual», explica, aínda que hoxe segue pensando que a empresa logrou capear as perdas dun contrato que tiñan con Xapón. Os despedimentos afectaron a todos os membros do comité de empresa. Vila trasladouse a Narón coa súa familia. Alí volveu atopar traballo.

Tanto A. M. como L. C. están casados e teñen fillos. Aos dous despedíronos hai uns meses. Ao primeiro dunha empresa de telemárketing da Coruña e ao segundo da empresa da ORA de Vigo. En ambos os casos as súas mulleres apoiáronos; dixéronlles que non se preocupasen, que estivesen tranquilos porque sairían adiante. Os dous lembran o momento do despedimento perfectamente. Coma se fose onte. A A. M. levárono a un despacho e alegaron que tiña moitas baixas médicas (fíxose un implante dental que se complicou cun rexeitamento). A L. C. fórono buscar media hora antes da súa saída e guiárono á sede da empresa, onde estaban sete compañeiros: «Acábannos de despedir», dixéronlle. A compaña alegou causas obxectivas. El cre que foron a por el, e a por os seus máis próximos. Desde aquela pasou polo hospital, onde celebrou o Nadal. O seu corazón se inflamó e non funciona ao 100 %. A súa muller pídelle tranquilidade. Nada máis.