O fútbol galego representado a través de «Valor e mestría»

LA VOZ SANTIAGO

FUTBOL GALEGO

PACO RODRÍGUEZ

A ambiciosa exposición de fútbol galego foi inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Valor e mestría» é o nome da ambiciosa exposición de fútbol galego que inaugurou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, acompañado pola futbolista Verónica Boquete, no Gaiás, onte pola mañá. A mostra fai un percorrido pola historia do fútbol, cuxa primeira referencia en Galicia data de 1876 en Vigo.

Faino a través de fotografías e obxectos persoais como o Balón de Ouro de Luis Suárez, as botas e a camiseta coas que Iago Aspas xogou o Mundial de Rusia ou a camiseta de Amancio coa selección FIFA. Todo isto ilustrado con vídeos dos primeiros encontros en Galicia.

Na exposición tamén se poderán ver os trofeos máis antigos conservados da historia do fútbol galego, como a Copa Compostela de 1906 ou a copa de Campión de Galicia que gañou o Fortuna de Vigo en propiedade en 1911.

Ademais da vertente deportiva, «Valor e mestría» quere engadir unha vertente cultural nesta mostra histórica, representada a través de todo o fútbol galego. A través de figuras descoñecidas para moitos pero moi importantes por ser pioneiros neste deportes. Este é o caso de Irene González Basanta. Ela foi a primeira muller que tivo un club ao seu nome (Irene C.F.) e en ser a capitá dun equipo de homes. Ela era a porteira, toda unha atracción para o público, que abarrotaba os campos para vela xogar. As crónicas da época recollen como, a pesar da negativa do seu pai, ela mostraba unha vocación inquebrantable polo fútbol.

Outra das curiosidades que nos deixa esta exposición é a historia do Exiles F.C. Este equipo, formado por traballadores da compaña inglesa Eastern Telegraph Company, instalados en Vigo, é considerado por certos historiadores como os primeiros en xogar este deporte en España en 1876.