O Compos coroouse nos penaltis

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA CERCEDA / LA VOZ

FUTBOL GALEGO

BASILIO BELLO

Álex Ares abriu o marcador e Juan Antonio empatou con polémica no 92

15 ago 2018 . Actualizado ás 00:26 h.

O Compos adxudicouse cópaa Deputación na quenda de penaltis, despois de que o partido acabase en empate a un gol. Foron necesarios once lanzamentos por bando, incluídos os dos porteiros. O de Lorenzo entrou pola escuadra. O de Diego Rivas foise ao traveseiro.

Os dous equipos teñen claro a que queren xogar. O Racing aposta máis pola física, o Compos pola química. O colectivo de Larraz aperta na presión, sempre que pode moi arriba, con moitas axudas e as liñas xuntas. Cando recupera o balón trata de chegar o máis rápido posible á área, ben con centros laterais ou balóns longos ás dúas torres, Joselu e Juan Antonio, ben con diagonais cara a Marcos Álvarez. O Compos combina máis, mesmo co porteiro. Non lle pesa a posesión.

Con esas premisas, viuse unha primeira parte na que os de Yago Iglesias tiveron máis tempo o balón nos pés, pero case sempre moi lonxe da portería de Diego Rivas. Gozou das súas mellores opcións nun par de lanzamentos afastados de Álex Ares e Samu e nun par de incursións de Miki na área. Nunha enredouse e na outra xutou en posición forzada.

O Racing apenas pisou a área de Lorenzo, salvo en accións a balón parado. Pero foi o que tivo a ocasión máis clara para inaugurar o marcador, no minuto 35. Marcos Álvarez cazou un balón na área, virouse e enviou ao poste.

A cinco minutos para chegar ao descanso, Álex Ares desfixo as táboas. Xutou desde a semiluna e Diego Rivas, a quen lle botou o balón diante, non estivo fino.

A pesar de verse por detrás no marcador, o Racing non cambiou o manual. Alongou algo as posesións, pero sen crear apenas perigo.

O Compos seguiu mostrando un maior e mellor manexo de balón. Nos compases iniciais, Miki Villar foi derrubado ao bordo da área cando enfilaba a portería de Diego Rivas. Eran os mellores minutos do Compos.

O partido entrou nunha fase de moito centrocampismo e animouse nos compases finais, cando o Racing empurrou con máis corazón que cabeza.

O empate chegou con polémica. Primeiro, o árbitro concedeu córner nun balón que deixara saír un defensor do Compos. Despois, o Compos pediu falta sobre Saro, no primeiro pau. E Juan Antonio non perdoou.

Así se chegou aos penaltis, con 4.000 euros en xogo. O campión leva 8.000 e o subcampión, a metade.

?Racing de Ferrol 1 (7): Diego Rivas; Seoane, Catú, Joel, Villarejo; Marcos Álvarez, Borja Hernández (Sergio Otero, min 75), Carlos García, Pablo Rey (Luis, min 73; Joselu (Sanmartín, min 75) e Juan Antonio.

Compostela 1 (8): Lorenzo; Sergio Pereira, Casas, Uña, Naveira; Samu (Ube, min 75), Marcos Remeseiro; Miki (Josiño, min 84), Álex Ares (Mon, min 89), Brais Abelenda; e Santi Gegunde (Saro, min 73).

Goles: 0-1, min 40: Álex Ares. 1-1, min 92: Juan Antonio.

Penaltis: Ube, gol; Carlos García, ao traveseiro; Marcos Remeseiro, gol; Juan Antonio, gol; Mon, para Diego Rivas; Marcos Álvarez, ás mans de Lorenzo; Josiño, alto; Luis, gol; Álvaro Casas, gol; Sergio Otero, gol; Saro, gol; Seoane, gol; Brais Abelenda, gol; Villarejo, gol; David Uña, gol; Sanmartín, gol; Naveira, alto; Joel, ao traveseiro; Sergio Pereira, gol; Catú, gol; Lorenzo, gol; Diego Rivas, ao traveseiro.

Árbitro: Espasandín Cores, da Coruña.

Incidencias: Campo do Roxo, en Cerceda. Final de Cópaa Deputación. Boa entrada.