Outro ano con ritmo yeyé

Iván Antelo REDACCIÓN

FUTBOL GALEGO

Iago Aspas
Iago Aspas Óscar Vazquez

A un mes de que finalice a Liga , o fútbol galego acada os 47 goles en Primeira División, un algarismo que non conseguía desde 1972

24 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Nos anos sesenta, Galicia presumía de goles no Olimpo do fútbol español. Eran os tempos yeyés de Amancio Amaro, Rivera, Cortés, Armando Ufarte ou Roldán. Non había ano no que os futbolistas da comunidade non superasen a media centena de tantas na elite. Eran tempos de bonanza nos que apenas había xogadores estranxeiros e había máis espazo para o produto autóctono. Todo aquilo quedou no recordo a partir de 1972, data na que se pasaron por última vez os 50. Os oitenta foron duros, pero non menos que os noventa e que a primeira década do século XXI. Galicia non só se esqueceu de facer recitais goleadores en Primeira, senón que asinou tempadas tan aciagas como a 2007/2008, na que só houbo 2 en 38 xornadas.

Pero os anos escuros chegaron ao seu fin. Catro décadas de infausto recordo borradas de golpe coa marabillosa campaña 2015/2016, na que se asinaron 52 dianas. E, por se había dúbidas de que aquilo non foi cuestión de sorte, na actual van 47 e a media indica que se lograrán superar neste mes de competición que falta para que finalice o campionato. De feito, se se marcan 7 máis nestas catro últimas xornadas (5 para os equipos que teñen aprazado o seu partido da pasada fin de semana), Galicia lograría entrar na súa top 15 histórico.

O céltico Iago Aspas, actualmente lesionado, pero que agarda estar de volta nun par de semanas, non só lidera o ránking de máximos anotadores galegos. Con 20 tantos, tamén é o pichichi nacional, só superado polos megacracs do fútbol mundial Messi, Cristiano Ronaldo e Luis Suárez. Roldando o top ten da táboa de realizadores de Primeira tamén se atopa o vigués do Valencia Santi Mina. Marcou 12 dianas, unha cada dous tiros. Unha efectividade que non ten parangón no fútbol español.

Aspas e Mina suman entre os dous 32 dos 47 goles galegos na presente Liga . Os outros 15 anotáronos entre seis xogadores da terra: Lucas Pérez (5), Lucas Vázquez (4), Denis (2), Jonny (2), Jason (1) e Brais Méndez (1). Hai dous anos, Galicia chegou ata os 52, algo que non se lograba desde 1972. Naquela campaña 2015/2016 marcaron Lucas Pérez (17), Iago Aspas (14), Lucas Vázquez (4), Denis Suárez (4), Santi Mina (4), Trashorras (3), Bergantiños (2), Rico (2), Mallo (1) e Jonny (1). Na pasada, a 16/17, o fútbol galego quedou nos 39.

David Ferreiro marcou o sábado o gol 100 galegos no fútbol profesional

Roldaban as oito da tarde do pasado sábado, cando todos os focos do balompé nacional apuntaban ao Metropolitano, onde se ía a celebra a Copa do Rey , e o extremo ourensán David Ferreiro marcaba o 2-4 do Huesca en Tenerife. Un gol valiosísimo para o seu equipo, que está inmerso na loita polo ascenso a Primeira, pero que ademais supuña que Galicia acadase os 100 goles na presente tempada no fútbol profesional (Primeira e Segunda). O 53º dos futbolistas patrios no presente curso en Segunda.

O tanto de Ferreiro chegaba só dúas horas despois de que Borja Iglesias anotase o 99º, dos que 17 son do futbolista santiagués. O canteirán do Celta está a só un tanto de entrar no podio de honra da categoría de prata, que nestes momentos ocupan Mata (27), De Tomás (22) e Guardiola (18).

Primeira feminina

Ademais, Mari Paz Vilas leva 19 na Primeira feminina, sendo a segunda máxima realizadora da Liga . Tamén marcaron Lombi (3), Sara Tui (3) e Carol (1). En total, 26 das galegas.


Os GOLEADORES GALEGOS EN PRIMEIRA

1. Iago Aspas (Celta ) 20

2. Santi Mina (Valencia) 12

3. Lucas Pérez (Deportivo) 5

4. Lucas Vázquez (Real Madrid) 4

5. Denis Suárez (Barcelona 2

6. Jonny (Celta ) 2

7. Jason (Levante) 1

8. Brais Méndez 1

HISTÓRICO DE GOLES GALEGOS

1. Tempada 1955/1956 106

2. Tempada 1950/1951 99

3. Tempada 1951/1952 96

4. Tempada 1948/1949 93

5. Tempada 1949/1950 91

6. Tempada 1952/1953 90

7. Tempada 1954/1955 89

8. Tempada 1939/1940 81

9. Tempada 1940/1941 76

10. Tempada 1956/1957 68

11. Tempada 1953/1954 60

12. Tempada 1962/1963 60

13. Tempada 1968/1969 58

14. Tempada 1969/1970 55

15. Tempada 1966/1967 54

16. Tempada 1945/1946 53

17. Tempada 2015/2016 52

18. Tempada 1935/1936 52

19. Tempada 1971/1972 51

20. Tempada 2015/2016 50

(...)

86. Tempada 2007/2008 2


Os GOLES GALEGOS EN SEGUNDA DIVISIÓN A

1. Borja Iglesias (Zaragoza) 17

2. Manu Barreiro (Nàstic) 7

3. Juan Carlos Real (Tenerife) 5

4. Dani Rodríguez (Albacete) 5

5. Jonathan Pereira (Alcorcón) 5

6. David Ferreiro (Huesca) 3

7. Santi Comesaña (Raio) 2

8. Carlos Pita (Lugo) 2

9. Juan Domínguez (Reus) 2

10. Fernando Seoane (Lugo) 1

11. Álex Bergantiños (Lugo) 1

12. Borja Fernández (Valladolid ) 1

13. Borja Fernández (Reus) 1

14. Anxo Bastos (Cultural Leonesa) 1

Os GOLES GALEGOS EN PRIMEIRA FEMININA

1. Mari Paz Vilas (Valencia) 19

2. Lombi (Valencia) e Tui (Granadilla) 3

4. Carol (Sporting Huelva) 1