«Perder o norte»: no ronsel das perdas

La Voz

FUGAS

A escritora María López Quiroga (Lugo, 1992).
A escritora María López Quiroga (Lugo, 1992).

O último premio Illa Nova de Narrativa recaeu na estrea literaria da médica e neurocientífica lucense María Quiroga

28 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Apareceu hai uns días nos andeis das nosas librarías e nas diversas plataformas virtuais o último premio Illa Nova de Narrativa. Nesta ocasión o galardón recaeu na novela Perder o norte, estrea literaria da médica e neurocientífica lucense María Quiroga.

O volume, presentado cunha suxestiva cuberta na que a ilustradora Ana Galvañ interpreta unha pintura de Maruja Mallo, abraza unha proposta na que non é difícil ver o funcionamento dunha dinámica teatral exposta nunha sorte de acoutacións textuais. Estas entretécense cunha prosa sólida e ben fiada na que, como no título se sinala, latexa o sentimento de perda, de loito, de orfandade, de soidade..., mesmo se se quer de baleiro e incomprensión vertebrada polas dimensións que adquire as doenzas de filiación mental. A novela ábrese, asemade, á incorporación de territorios fronteirizos como o ensaio ou o exercicio de memoria, non sei se ficcionalizada. Ademais, disponse nunha estrutura que, malia a intimidade e a armazón interna que suxiren moitos dos asuntos tratados, incorpora decote uns escenarios exteriores pois non en van é unha novela non sei se de formación pero desde logo de viaxe, onde o movemento é un elemento central da novela e, ao tempo, unha travesía convertida nunha oportunidade que se brinda para realizar un proceso de reflexión, entendido este como unha epifanía ou catarse, tanto ten, pero sempre a través sostida por eses pasos, por eses quilómetros percorridos que serven para avanzar e para conducir a un destino descoñecido.

É este un universo no que tamén ecoa a precariedade, a valoración da amizade e unha busca constante do espazo ao que se pertence nos tempos da covid, sen esquecer a vontade de habitar e explicar o proceso de busca para axotar o baleiro. Con todo isto constrúese con solidez un universo onde agroman alusións musicais, literarias, científicas ou artísticas que, dalgún xeito, fan que que Perder o norte fotografen un tempo e unhas vivencias que ben se poden considerar como xeracionais.

Non dubido que cómpre considerar esta novela como unha excelente carta de presentación dunha nova voz á que lle desexamos continuidade e a mellor das sortes desde agora.