Estamos ante un relevo xeracional na música galega?

FUGAS

Auténticos brotes verdes ou só é un espellismo? Hai un asalto real ao poderío musical por parte da mocidade? Músicos e promotores opinan

05 ago 2022 . Actualizado ás 09:14 h.

Hai nada formaban parte dese magma invisible do underground, cando non, directamente, de soños que non cruzaban as portas das súas habitacións. Pero hoxe asómanse con valentía e frescura aos carteis dos festivais, aos escenarios das salas e mesmo ás programacións (aínda poucas) das festas.

 Nomes como Ortiga, Grande Amore, Berto, Boyanka Kostova ou Caamaño & Ameixeiras forman parte recorrente das axendas semanais de concertos. En prazas de xa considerable entidade e incluso non só en Galicia. Detrás deles agardan outros, xa con certa relevancia, como os de Lamontagne & Picoamperio, Elba, Bratzantifa, Caldo, Antía Muíño, Copa Turbo, Zeltia e Irevire, Legítimo Polvo, Garza... E nun segundo chanzo, infinidade de proxectos, en moitos casos vencellados ás músicas urbanas e a electrónica, pendentes de que xurda a súa oportunidade.

Conforma todo isto unha nova escena na música galega protagonizada por artistas que se sitúan na vintena? Estamos a asistir a un relevo xeracional? O promotor Josiño Carballo, responsable de Ernie Records e representante de artistas como Ortiga ou Grande Amore, considera que «claramente, si», pero que aínda falta conciencia diso por partes dos programadores. E alude como proba os horarios nos que se sitúan a estes artistas nos festivais. «Non pido que os poñan ás once da noite, pero tampouco ás catro da tarde. Pasoume varias veces que os meus artistas tiveron máis público que os grupos foráneos posteriores».

Un dos grandes axitadores do momento, Grande Amore, recoñece que si que hai máis xente facendo música, pero non se atreve a falar de nova escena. «Hai moito lobo solitario», di. «Perdeuse esa idea de xuntarse para facer bolos ou crear colectivos». O contrapunto é a receptividade que detecta por parte do público. «Estamos vivindo un momento moi interesante porque a xente moza acepta de moi bo grao cousas moi diferentes», di.

Janite

Tamén apunta cara a esa idea de que falar de escena «é complicado» Fernando Fernández Rego, divulgador musical e responsable de Ferror Records: «Nótase a efervescencia. Hai moitos grupos, pero pouca conexión». Afirma o autor de Unha historia dá música en Galicia que «en contra do que di moita xente, a rapazada non é que pase da música, é que están creando as súas propias plataformas e canles de difusión, moito máis directas á hora de conectar co seu público». O que si que admite Fernández Rego é o concepto de relevo xeracional: «A nostalxia non pode ser a protagonista. Nós estamos a facer cousas co público máis novo e comprobamos que si que responde a chamada cando se senten involucrados».

É ou público ou que tira

Hai coincidencia unánime en que un dos proxectos que está a medio paso de dar o salto á primeira liña da fronte é o de Lamontagne & Picoamperio. O dúo, que xa está ás portas de publicar o seu disco de debut, deixou ben patente a súa potencialidade esta mesma semana ante 40.000 persoas en Castrelos, precedendo a Tanxugueiras. Para Laura Lamontagne, o momento que vive a música galega é especialmente brillante. «Claro que hai un relevo xeracional e ademais é especialmente estimulante porque está protagonizado por mulleres», di. A cantante recoñece que hai moita máis receptividades por parte dos programadores cara as novas propostas. «Pero porque a xente tira por eles. É esa demanda por parte do público o que fai que os promotores se interesen en nós para satisfacela», subliña.

Trasladámoslle a cuestión a un programador: Marcos Rivas, propietario da sala Karma e organizador dos festivais Surfin the Lérez e Galegote Rock. «Si que hai relevo —adianta—. Pero precisa un pouco máis de apoio tanto por parte dalgúns promotores como das Administracións. Non basta coa resposta, que si que a teñen, pero na súa escala, por parte do público. Hai unha excepcional xeración de músicos, e ademais en todos os ámbitos, pero precisan oportunidades».

 Algunhas desas oportunidades estanlle a chegar a Bratzantifa, o dúo ferrolán formado por Marina González e Lucía Amado, da man de certames como o do Festigal ou o de estudos Mans. «Nós tocamos en festis pero non porque nos contraten os promotores, senón por iniciativas que case levan detrás subvencións públicas», conta González. A pesar desta dose extra de visibilidade que están a conseguir Bratzantifa, elas seguen a considerarse undergound: «Somos mulleres e facemos música en galego. Témolo todo en contra». Por sorte, engaden que advirten «un compromiso na xente da nosa idade. Igual é que nos movemos nunha burbulla social», apuntan.

Talento haino dabondo

No que tamén se percibe unha reconfortante unanimidade é na idea de que o que sobra é talento e preparación. Corrobórao Antía Ameixeiras, a metade de Caamaño & Ameixeiras, gañadoras do Premio Martín Códax 2021 na categoría de folk. «Paréceme o curso natural das cousas que cheguen propostas novas que aporten frescura e renovación. Temos moita sorte con todo o que está a xurdir en Galicia», di. Mais sempre hai un «pero». Para Antía Ameixeiras é a falta dunha industria que apoie todo isto que se está a vivir e a crear. «Que non haxa unha discográfica galega potente que estea á orde do día no que é a distribución dixital e o posicionamento nas redes supón un freo tremendo para moitos proxectos. Nós tivemos que irnos a un selo catalán», explica.

BASILIO BELLO

A outra solución é autoeditarse. Con todo o que iso supón. Sábeo ben Elba, que vén de publicar o seu primeiro disco, A maxia natural. «Si, tes o disco, pero agora, que? Se non estás en ningún selo nin tes unha promotora detrás é moi complicado saír adiante. De feito, moitos festivais están organizados por esas promotoras e colocan neles aos seus artistas. Podes ter cabida nun festi pequeno ou nalgunha das poucas salas alternativas que quedan, pero con iso non che dá para vivir disto». Elba síntese parte dunha escena underground galega moi excitante e rica en creatividade, «pero sen ningunha transcendencia». Ata o punto, di, que hoxe en día «ter un bo produto non é o máis importante. O importante é ter ocasión de amosalo».

Bruno M

Tamén recoñece que «non é fácil» atopar oportunidades Antía Muíño, artista que vén de gravar con Xabier Díaz e que agora loita por afianzar o seu proxecto persoal, do que teremos un primeiro traballo discográfico a finais de ano. «Igual é que nos tiñan mal acostumadas a crer que o éxito chega dun día para outro. Que era algo que non había que traballar. Pero eu son das que penso que se queres ter algo duradeiro, iso leva tempo. Os grandes nomes da música galega de hoxe foron traballando pouco a pouco. Ninguén deu un pelotazo».

Advirte Antía Muíño moita inquietude e vontade de profesionalizarse entre as músicas da súa xeración. «Pero tamén é verdade que cada vez somos máis».

O papel da «democratización» da música tamén é obxecto de reflexión por parte de Manuel Tarrío, un dos compoñentes de Familia Caamagno e responsable da produtora Tremendo Audiovisual. «Hoxe un rapaz non precisa 6.000 euros para comprar un ampli e unha batería. Esa accesibilidade económica e de coñecementos á tecnoloxía e, polo tanto tamén, á creación musical está propiciando que xurdan moitísimos proxectos, dos que, obrigatoriamente, algúns van conseguir conectar co público. Como puido ser o caso de Verto. O que boto de menos é que non haxa máis rapaces facendo cousas en galego», subliña.

Aitana Cuétara, responsable de Luneda Producións, é unha voz autorizada en tanto é responsable dalgunhas das iniciativas culturais máis orixinais e necesarias que se viron en Galicia nos últimos anos. «Non sei se podemos falar tanto como dunha nova escena. Se cadra tamén é unha burbulla. O que pasa é que como vimos da nada, de estar un montón de anos programando música en galego para ninguén, daba gusto ver como, por exemplo, a xente moza gozaba o outro día en Compostela con Grande Amore», conta. Aínda así, Aitana manifesta os seus receos ao feito de que haxa tres ou catro propostas de artistas galegos que estean de moda entre a mocidade porque pódello poñer máis difícil aos demais. «Hai moi pouco risco por parte dos programadores. E o público estase sumando tamén a ese carro. Eu boto de menos como espectadora cousas que me sorprendan. Hai canteira? Por suposto. Pero é que a maioría dos artistas e grupos que están arrincando rematarán traballando, eu que sei, de fontaneiros, porque de algo teñen que vivir».