O precario e a soidade sen metáforas

Ramón Nicolás

FUGAS

Santiago Lopo, gañador do Premio Xerais 2017.
Santiago Lopo, gañador do Premio Xerais 2017. ManuelGVicente

Todo se envolve nunha dinámica de movemento continuo en «A carteira», a nova novela de Santiago Lopo

19 novs 2021 . Actualizado ás 11:57 h.

Hai, e resulta lícito que sexa así, voces que reescriben dalgún xeito o mesmo libro ao longo da súa traxectoria bibliográfica, en tantas ocasións con resultados excelentes construíndo un macrotexto sólido e orixinal. Nada máis lonxe do estro creativo de Santiago Lopo que, desde Game over (2007), foi alimentando a súa produción con propostas do máis diferente entre si. Malia que A carteira talvez estableza un elo coa novela Peaxes (2009), o certo é que no que nos foi deixando non resulta difícil advertir a paulatina madureza no dominio acaído dos precisos recursos técnicos, na procura de temáticas orixinais ou escasamente tratadas e no nivel de autoesixencia en cada nova entrega narrativa.

A carteira, novela ao meu parecer moi documentada, aborda unha temática de fondo social e, curiosamente, non moi abondosa na narrativa actual como é a da precariedade laboral, aínda que non só, pois é manifesto que nela subxace unha reflexión sobre a soidade ou a presenza do considerado marxinal. O fío que terma das súas páxinas é a protagonista, ao meu ver deseñada con acerto e verosimilitude coas súas luces e sombras, coas súas contradicións persoais, coas súas esperanzas, vitorias e derrotas, que desempeña unha ocupación profesional como substituta en Correos e que desenvolve o seu traballo nun espazo peculiar: un continente por veces perigoso que adquire, ao mesmo tempo e aos poucos, categoría de protagonista como é «Algures», territorio a cabalo entre mundos urbanos, periurbanos e rurais.

Todo se envolve, ademais, nunha dinámica de movemento continuo, amosando un grupo diverso de personaxes: unha topografía humana particular coa que, dun xeito ou outro, resulta difícil non establecer certa empatía. Por outro lado, aseñórase da proposta un ritmo brillante e áxil, dotado de amenidade, á que non pouco contribúe o sentido do humor e a ironía que latexa aquí e acolá a través de pequenos fragmentos que outorgan rapidez ao desenvolvemento argumental, salferido de numerosos relatos oníricos e doutra orde que manifestan esas pequenas obsesións que agroman na vida, loxicamente angustiada e en nada pracenteira, da protagonista que perdurará na nosa memoria.